As expectativas só son boas cando se cumpren. É verdade que o teatro non é responsable das cousas que se din a priori, pero o Centro Dramático Galego xogou a gañar con A ópera dos tres reás o partido do século e acabou empatando.
Pode suceder que na montaxe todo estea a priori no seu lugar. As mulleres cantan, os homes fan gags, o texto ten agudeza, a música recolle o espírito da época, as letras levan a historia. A partir de aquí todo está pero non medra. A obra funciona mellor como república independente dos fragmentos que como unha organización federal na que a historia acabe sendo contada. Hai números que funcionan como funcionan nunha ultranoite: están frescos e mesmo non parecen teatro institucional. Hai números que quedan un pouco distraídos en si mesmos e a obra vaise dispersando, demasiado preocupada en que as partes sobrevivan e fagan resistir a súa duración.
Resistir é un verbo resignado que non debería ser de aplicación para un musical. Como nas receitas de cociñas, na montaxe están todos os ingredientes, incluso algúns dos que se poden considerar atrevidos, moitos deles destinados a romper por un lado coa fría corrección do teatro institucional e, por outro, a evitar algunhas artistadas que o mesmo teatro institucional xera por exceso de confianza.
A Ópera mantense a distancia correcta das dúas cousas, busca un espazo natural no que desenvolver comedia e musical e xusto aí é onde para. Non consegue sobresaír da liña de cada unha das dúas posibilidades. Non consegue que o discurso da historia pase do textual ao presencial. Nin perde a corrección nin consegue rompela por algures.
Algo disto tamén pode obedecer a que, aínda que a obra de Brecht conteña moitos elementos cómicos, non é unha comedia. O CDG parece ter renunciado a todo elemento de profundidade que pexara a diversión. Pero esta opción ao mesmo tempo que pode facilitar o acceso debilita moito a historia e, sobre todo, debilita moito aos personaxes. Ata deixalos case no territorio da caricatura, disciplinados á súa función cómica, como queda claro nese Mackie que parece máis inclinado a ser un Casanova que o maior asasino da cidade. A montaxe limitou esa dimensión quizais moral, quizais política, quizais realista que lle daba carta de natureza aos personaxes.
Pero quizais do que sofre esta versión da obra de Brecht e Weill é que ata onde as cousas son razoables está todo ben colocado. No teatro, ademais, hai esoutra dimensión no que as cousas suceden ou non. No que os personaxes e a historia están por riba do enunciado. Aquí están só por veces, como se poñela en pé fose suficiente. Limitando a súa capacidade a ese vello aforismo que asegura que o que hai é o que se ve.
crítica de teatro «A ópera dos tres reás»