ai anos coñecín a Maruxa Olavide en Viveiro, a cidade enmarcada por un dos máis nobres accesos de Galicia: a Porta do Emperador Carlos I, que alí chaman familiarmente o castelo da Ponte. Fermosas praias cantábricas de area fina coma de ouro moído enmarcan estas costas cantábricas que os poetas amaron. Por baixo da ponte, detida como un barco na ría, pasan as augas do río Landrove a celebrar nupcias impresionistas coa mar namorada que impaciente agarda.
Naquela sociedade da Mariña lucense, Maruxa Olavide, a través do seu mundo rebosante de humor e de enxeño e das intelixentes suxerencias dunha fala chea de espontaneidade e sinxeleza, foi quen de se erixir en figura central. Alabábase a facilidade para unha probada narración de índole popular; improvisar poemas e cancións acompañadas da guitarra -cunha voz sui generis moi atractiva- ou amenizar calquera reunión, e prevíanse ademais as súas dotes máis reservadas de pintora.
Desde a primeira exposición de Maruxa Olavide no Palacio Municipal da Coruña, presentada por Álvaro Cunqueiro en 1972, poderíamos enumerar un total de ao menos unha ducia máis de mostras individuais. Ata a que se exhibe hoxe, aberta deica o vindeiro día 9 no Casino do Atlántico da Coruña. Consta dunha fermosa colección de cadros executados con técnicas acrílicas, que son amplamente admirados polo público e pola crítica unánime que concorre a este prestixioso salón do Atlántico.
O impresionismo semella estar vixente como o primeiro día e nesta mostra de Maruxa Olavide adquire novos ritmos e unha plenitude fresca e palpitante. Vivísima como recén inventada. Predomina a variedade cromática en contrastes simultáneos que se modifican en beneficio da luz. Unha finísima pincelada obra marabillas. Suxire mundos infinitos en vibracións múltiples. Suxire novas atmosferas de luminosidade que a visión permite recoller na súa sensibilidade inicial. Cada cadro é semellante pero distinto. Cada un presenta a súa propia mutación, o seu microcosmos divisionista. Os temas florais préstanse divinamente a estes experimentos. Cada pétalo recibiu con delicadeza e co acerto da arte, varios toques de graza e de experiencia, que son como unidades móbiles. Átomos preciosos dun mundo turbador. Dun tempo vertixinoso...
Nesta mostra dinámica, apaixonada, plena de optimismo en liberdade, tan atractiva, de Maruxa Olavide, un mundo de ilusión e de beleza mesmo musical, semella anunciar á nosa ollada contemplativa, outra dimensión espiritual infinitamente arelada polo ser humano. Noraboa, benquerida Maruxa.
«Nesta mostra, o impresionismo adquire novos ritmos e unha plenitude fresca»