«A Academia é apolítica»

Begoña R.Sotelino REDACCIÓN/VIGO.

CULTURA

O senlleiro pensador, ex presidente da RAG e artífice do Día das Letras Galegas, aos seus 97 anos o que máis lamentaba era non poder ler

27 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado Día das Letras Galegas, La Voz de Galicia publicou a derradeira entrevista con Francisco Fernández del Riego, que a principios deste ano deixara o seu posto como director da Fundación Penzol. A idade (97 anos cumpridos o 7 de xaneiro) e unha mala saúde de ferro tíñano prostrado na súa casa da praza de Compostela viguesa. Xa case non se movía, a xente lle amolaba e falaba con dificultade, pero a súa cabeza aínda fervía. Facendo gala do bo humor que o caracterizaba, dicía: «A cabeza sérveme para saber as dores que teño».

-Pero se está feito un rapaz...

-Si, si. Vou xogar ao fútbol... De cabeza estou lúcido, pero de todo o demais non estou ben.

-Andamos a celebrar o Día das Letras Galegas. Seica vostede foi o pai do invento...

-Si. Eu tiven a idea de facer unha festa do libro como a que se fai en conmemoración da morte de Cervantes. Estiven dándolle voltas, remexendo datas e persoas e dei co 17 de maio, que é cando Rosalía fi rma a dedicatoria de Cantares Gallegos a Fernán Caballero, xa que a data exacta da publicación de 1863 non se coñece. Aínda que había xente que amosaba certo escepticismo, eu tiña fe e entusiasmo pola idea.

-Pero ata o de agora dedicóuselle a poucas mulleres, ¿non?

-¡Porque non as había naquel tempo! Había poucas que escribían. Agora hainas e hai moitas que o merecen.

-¿Coñeceu ao homenaxeado deste ano, Uxío Novoneyra?

-Moito. Publiqueille en Galaxia o seu primeiro libro, Os eidos. Trateino moito, e era un gran poeta.

-Vostede presidiu a Real Academia Galega de 1997 ao 2001. ¿Que lle parece ter a Ferrín á fronte da RAG?

-Moi ben. Eu fun un dos que o votaron. El é a figura máis representativa da institución. A Academia é apolítica. A súa función é a da exaltación da lingua galega. O que estea á fronte ten que se comprometer coa lingua e a literatura, non facer política de ningún outro tipo. E Ferrín así o dixo publicamente.

-¿E vostede como se sente? Terá días mellores e peores...

-Non. Teño malos días sempre. Estou mal. Fun director da Penzol desde 1963 e dinme de baixa porque xa non podo escribir. Aínda colaboro en La Voz de Galicia, pero porque teño artigos amoreados. Hai quen se estraña de que nas miñas circunstancias siga escribindo, pero non sigo. Son textos que fun reservando. Fun previsor. Decatábame de que ía perdendo facultades e ía amoreando artigos, escribindo un cada dous días, ata que vin que xa non podía. Agora, cando se acaben, acabouse. Nin en La Voz de Galicia, onde levo publicados máis de dous mil artigos, nin en ningures.

-¿E se os dita?

-Non é o mesmo. Ao ditar non podo coidar o estilo como me gusta. Aínda sigo ditando cartas e comunicacións, pero cousas literarias non. Non podo escribir, e tampouco vexo case.

-¿Non lle len?

-Non. Oio algo de música e vexo algo a tele para pasar as horas mortas. Se puidese ler como antes, era feliz en medio de todo; pero non podo. Que che lean non é o mesmo que ler un mesmo. Eu detíñame con determinados aspectos dos libros. É distinto.