O documental «Memorias rotas» estréase hoxe no Rosalía de Castro

CULTURA

A Coruña acolle hoxe a estrea da longametraxe documental Memorias rotas, de Manane Rodríguez, unha das poucas crónicas audiovisuais referidas á Guerra Civil española en Galicia.

Na estrea, ás 20.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, acompañando á directora e ao equipo técnico estarán algúns dos seus protagonistas, que 72 anos despois colaboraron na reparación cívica e moral das vítimas.

Rodada durante 2008 e 2009, en varias fases e localizacións de Asturias e Galicia, a película céntrase no destino dun grupo de milicianos do batallón Galicia que loitaron na fronte norte republicana e foron dados por desaparecidos, liderados polo anarquista coruñés José Moreno Torres, o comandante Moreno.

A historia arranca en outubro de 1937, coa caída de Asturias e cos republicanos intentando fuxir por mar. Un grupo de galegos diríxese a Galicia e o seu rastro pérdese nos montes do Acevo, na fronteira entre Asturias e Galicia.