Xavier Baixeras faise co oitavo Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros

O xurado valora a aposta pola rima da troba do autor que actualmente reside en Brasil


O escritor Xavier Rodríguez Baixeras é o gañador da oitava edición do Premio de Poesía Caixanova, que se deu a coñecer onte en Vigo. O autor lévase este galardón ­-que pola dotación e crecente participación sitúase entre os máis relevantes no ámbito estatal-, pola obra Deserto diamantino , presentada baixo o lema Areoura . O certame, organizado pola entidade financeira e o Centro P.E.N. Clube de Galicia, está dotado con 12.000 euros.

Tras unha deliberación que se prolongou dúas horas no Centro Social Caixanova, o tribunal, formado polo catedrático de Literatura Galega da USC, Anxo Tarrío; a escritora Luisa Castro; a crítica literaria Ana Acuña, e o crítico literario Carlos L. Bernárdez, escolleu este poemario entre os 55 presentados a concurso.

Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, sinalou que a decisión tomouse por maioría e, entre outras razóns, salientou que a obra «retoma aspectos do mundo poético clásico, maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial». Tosar engadiu que o texto «formula unha fonda reflexión desde a experiencia da madurez vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada, ao servizo dunha visión ampla e cosmopolita do mundo».

González Tosar tamén quixo destacar a aposta de Caixanova «por esta aventura poética apoiando a poesía dun país necesitado de voces», e valorou especialmente que «nestes tempos nos que a crise afecta a todos os sectores da cultura, Caixanova non recortou nin un céntimo a dotación do premio».

O poemario publicarase na colección Arte de Trobar, na que tamén se inclúen outros textos de destacados poetas en lingua galega, como o que se presentou onte no mesmo acto e que é a última obra publicada na colección: dous volumes coa poesía completa de Xosé Carlos Gómez Alfaro.

Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945) é fillo de pais cataláns e e de avó paterno galego. A súa infancia discorreu en Ribadeo (Lugo), e a súa adolescencia en Segovia. A autor viviu en Vigo desde 1977, pero tras a súa xubilación como profesor reside en Salvador de Bahía (Brasil) a meirande parte do ano.

Do castelán ao galego

Baixeras é un poeta de longo percorrido que dende a súa temperá La ciudad sumergida , (publicada en 1971 e escrita en castelán), ata o de hoxe foise mostrando con regularidade. O autor publicou en Vigo en 1981 o seu primeiro libro en galego, Fentos no mar , e dende entón converteuse na súa lingua de expresión poética.

Unha ampla selección da súa lírica, traducida ao castelán polo propio autor, aparece en versión bilingüe. Baixeras tamén traduciu ao galego autores italianos e cataláns, e autores galegos ao castelán e ao catalán. En 1997 obtivo con Beira Norte, obtivo o Premio da Crítica galega.

A primeira edición deste galardón, celebrada no ano 2002, recaeu no poeta e crítico de arte coruñés Xavier Seoane, pola obra Dársenas do ocaso . No 2003 resultou gañadora María do Cebreiro con Non deixes que o poema te coñeza . No 2004 o premio foi para Román Raña por As metamorfoses do túnel . No 2005 impúxose Arcadio López-Casanova co poemario Herdo do canto , seguido na edición do ano 2006 por Marilar Aleixandre, premiada por Mudanzas . No 2007, Carlos Penela por Sombras, rosas, sombras e en no o galardón 2008 recaeu na obra de Luis Valle titulada A Caída .

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Xavier Baixeras faise co oitavo Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros