A Real Academia Galega non terá novo presidente antes de xaneiro

T. Calvo

CULTURA

Rivas lerá o discurso de ingreso o 12 de decembro e quedaría pendente Bernardino Graña para o 2010

22 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Con todos os retos por diante dunha sociedade cada vez máis esixente coa accesibilidade dos recursos na Rede, e coas dificultades engadidas do momento de crise económica sobre os moitos problemas aos que se enfronta o noso idioma tanto políticos como sociais, chega o relevo á Real Academia Galega. Agotado o seu segundo mandato polo actual presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, o vindeiro 18 de decembro abrirase o proceso de cambio cando asuma a presidencia en funcións o actual secretario, Manuel González González. A el corresponderá abrir o período de presentación de candidaturas que podería demorarse ata un prazo máximo de tres meses (aínda que cabe pensar que será ben máis curto) e convocar un plenario extraordinario para a elección dos novos reitores da institución.

Integrada por trinta académicos de número, a RAG ten na actualidade vacante a praza que deixou Antonio Gil Merino, finado hai pouco, no entanto están por ler os seus discursos de ingreso Manuel Rivas, que o fará o día 12 de decembro (a cerimonia foi adiada a petición do escritor, xa que estaba prevista para o vindeiro sábado), e Bernardino Graña, quen podería entrar na academia en xaneiro do ano que vén.

Só cinco mulleres teñen unha cadeira de numerarias: Luz Pozo, Rosario Álvarez, Xohana Torres, Olga Domínguez e Margarita Ledo.

Dedicación plena

Hai dous académicos que se manteñen á marxe da actividade da RAG Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Franco Grande, en desacordo coa liña seguida polos seus reitores; e son varios máis os que por motivos de saúde non poden seguir as actividades da academia ou, cando menos, non asistir ás sesións, como poden ser Francisco Fernández del Riego e Andrés Fernández-Albalat.

A decisión do actual presidente de non buscar unha prórroga ao seu mandato polo camiño dunha reforma dos estatutos puxo xa en marcha toda sorte de rumores sobre o sucesor. E as primeiras miradas buscaron no seu equipo pola oportunidade de dar continuidade ás iniciativas en marcha. É o caso de Xosé Luís Axeitos, que por contra desbota de partida tal idea porque quere atender os seus proxectos persoais. Na súa opinión, «o ideal sería que houbese unha soa candidatura, porque noutro caso sempre se crean tensións que non son boas para ningunha institución».

De facer caso aos rumores, pensar nesa candidatura única sería utópico. Pero a realidade é que ninguén se ten postulado aínda para o cargo e que a maioría dos académicos manifestan que polo de agora ninguén manifestou interese en encabezar unha nova directiva.

O novo presidente chegará nun momento de moitos conflitos no campo de actuación da RAG, o que lle esixirá unha gran dedicación a el e a todo o equipo, ademais dunha firme personalidade.