O documental galego «Señora de» aspira a premio

La Voz

CULTURA

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sen dúbida un dos mellores documentais que pasaron por Tiempo de Historia foi o galego Señora de , producido por O Raio Verde, e a primeira incursión de Patricia Ferreira no documental de gran formato, despois de realizar as ficcións Sei quen es (1999) e Para que non me esquezas (2005), ademais de El alquimista impaciente (2002). Todo apunta a que estará no palmarés da Seminci. Sobre un guión compartido con María Salgueiro e Carmen Rábade, fotografía de Antón Bugallo Vecino e música de Arturo Kress, céntrase nos testemuños de varias xeracións de mulleres, da cidade e do agro, do mar e terra adentro, ás que non se lle permitiu desenvolverse moito máis aló do papel secundario de esposa e ama de casa, nunha liña que actualmente se consideraría intolerable, pero que foi común na historia máis recente de Galicia e de España. Sobre todo baixo a educación franquista e o influxo de corenta anos de Sección Femenina.

Cunha estrutura que renuncia a materiais de arquivo e prioriza os testemuños das protagonistas, Señora de é un documental sociolóxico de primeira orde, vigoroso de ritmo (case 90 minutos que pasan voando), formalmente coidado, que por momentos emociona coa dureza do que contan estas mulleres, e noutros ata divirte con ocorrencias que agochan moita dor. Recibido con prolongados aplausos, posteriormente á proxección, tres das mulleres protagonistas departiron co público acompañadas da directora Patricia Ferreira e mais da produtora Carmen Rábade. Recibiu axuda da Consellería de Cultura e da Televisión de Galicia.