Abe Rábade e Kiko Pastur estrean «Jazzia», un espectáculo que mestura jazz e prestidixitación con intención de encontrar un xénero novo desta fusión de códigos
04 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hai moitos dedos na proposta inaugural que Abe Rábade e Kiko Pastur ofrecerán hoxe (20.30 horas) no coruñés Teatro Colón. Dedos de pianista e dedos de mago. Jazzia é un espectáculo que non quere facer diferenzas entre o jazz e a maxia, unha montaxe que, segundo os seus autores, «quere utilizar os códigos comúns para encontrar un novo idioma».
O primeiro que aclaran Rábade & Pastur sobre as táboas do Teatro Colón é que non se trata dunha proposta «de maxia con acompañamento musica máis ou menos acaído». Rábade explica que o «espectáculo está montado sobre a síntese das dúas linguaxes, que, por distantes que parezan, comparten códigos». Kiko Pastur abre camiño explicando que unha das intencións do espectáculo é «cambiar algúns tópicos sobre a maxia, desbotar o público familiar do xénero e traballar dun xeito máis creativo e máis teatral». Os dous coinciden en que a posta en escena ten «un carácter minimalista».
Para Abe Rábade, que creou dez pezas para o espectáculo e que gravou un disco con este material, o proceso foi de dependencia entre as dúas partes. O compositor sinala que «a música ten un peso na historia que se conta e que os xogos de maxia que se fan están condicionados pola música». Neste sentido, tanto o mago como o músico sinalan que os dous xéneros teñen grandes posibilidades de experimentación e en Jazzia utilizaron «algunhas para demostrar cales son algúns dos límites», pero, aclara Rábade, «sabemos onde estamos e utilizamos formas que poden resultar máis raras ao espectador, pero tamén volvemos sobre sons e maneiras máis clásicas». O espectáculo comeza cun número alegórico e que marca a liña. Sobre o escenario hai un pentagrama e unha notas que precisan de ser liberadas. Pastur sinala que a metáfora da liberación é definidora porque é unha montaxe «na que tentamos liberar ao jazz, á maxia e tamén aos espectadores dos seus límites máis inmediatos».