Espellos e espellismos

Camilo Franco

CULTURA

01 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Non fai falta ter lido a Roland Barthes para entender que todas as cousas que facemos son un espello de nós. Mesmo sería innecesaria a pedantería de explicalo como se fose unha ciencia singular, pero a estas alturas da civilización occidental todo é interpretación. Premio e castigos. Unha das circunstancias dos premios nacionais é que agora mesmo hai dez premiados exultantes, incluso algunha coa modestia perdida, e medio cento de xente convencida de estar vivindo no inverno do descontento. É descortés pór en dúbida os méritos dos premiados, incluso cando son hiperbólicos. Pero co mesmo razoamento os non premiados e a súa desvantaxosa posición para todo o que non sexa protestar pensarán que o xurado desprezou os méritos sinalando co dedo outro gañador. É natureza da especie que non se altera nin entre xente que se supón lida. Dieta espiritual. Os premios alimentan dúas cousas, a conta corrente e a vaidade. Para a construción nacional é máis importante o primeiro. O segundo só dá para escoitar parvadas. Un dos reflexos máis habituais entre os gañadores é asegurar que o premio é representativo do gremio, da tribo, do sector ou da seita que rodea ao premiado. Poderiamos ser sarcasticamente coherentes e cada vez que un premiado diga que galardón é para o seu grupo obrigalo a repartir a contía económica. Como nas peñas quinielísticas. Débeda histórica. Pero o verdadeiro problema dos premios nacionais é que a súa primeira edición quedou capada por un dos grandes dilemas da cultura galega nos últimos anos. Cada vez que unha iniciativa se pon en marcha, a primeira opción é saldar débedas cun pasado sen resolver, independentemente de que esas débedas coincidan coa circunstancia do presente. Os premios nacionais son anuais e esta circunstancia debería ser tida en conta desde a primeira edición porque, doutro xeito, non se actúa normalizando, senón recoñecendo que temos un problema co pasado. E en Galicia sobra pasado. A que andamos. Pero Barthes explicaba desde a súa superioridade hermenéutica que de cada obxecto, e de cada acto, poderiamos tirar unha idea sobre a sociedade que o xerou. A obriga sería calcular cal é a idea de Galicia que deitan os premios nacionais. En que país estamos culturalmente falando se aceptamos que os premios significan algo. A primeira idea é o pasado. A segunda é buscar sempre o indiscutible, evitando os riscos ou as polémicas, dando respostas políticas ou contemporizadoras. A terceira é a febleza transversal da cultura galega que queda en evidencia cando un mesmo xurado ten que decidir categorías de disciplinas dispares. A cuarta é a desconfianza en nós mesmos. Os premios son para reafirmarnos domesticamente, pero acaban por descubrirnos como unha cultura pouco presente, contemporizadora cando non conservadora, máis preocupada das formas que dos contidos, con problemas de interrelación e despreocupada pola innovación. Pero eles son unha cousa, e a cultura galega, outra. Escollemos mal os espellos, colocámolos no ángulo que máis nos distancia da realidade e xogamos todos os partidos á defensiva. Ou iso, ou os premios non son para o que se di, senón para outra cousa.