«Para facer catro raias hai que ser debuxante»

CULTURA

17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tras unha longa etapa no eido da xestión cultural, que o levou pola primeira dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea e a Dirección Xeral de Cultura da Xunta, Antón Pulido volve facer unha exposición de obra nova. Ata o 24 de febreiro, o Centro Social Caixanova de Vigo acollerá 16 cadros novos, de grandes dimensións, do pintor ourensán residente en Vigo. -¿Arrepíntese dos seus traballos alleos á pintura? -Non, todas son etapas fermosas, e eu nesta traballei ao servizo do país. Hai tempo e tempo para pintar. -¿Que presenta nesta exposición? -Cada pintor ten que ser fiel aos seus gustos, e por iso volvo aos temas do meu mundo. -E formalmente, ¿presenta variacións? -Esta é unha exposición da cor, sobre todo, da cor vermella. Sobresae nela o xesto do debuxo e a cor. -Din de vostede que empezou no expresionismo para evolucionar cara á abstracción; ¿está de acordo? -Os do Norte todos somos expresionistas desde sempre. Evidentemente, os alemáns foron quen marcaron as pautas, pero logo as cousas seguiron polos seus propios derroteiros. Si derivei á abstracción pero dun xeito sutil, sempre hai uns latexos de vida e de forma que dan ritmo á abstracción. A miña abstracción está ao servizo dunha figura ou dunha insinuación figurativa. -¿Que recorda do seu paso polo CGAC? -Eu tiven a sorte de ser o primeiro director do CGAC, e de que os políticos non se metesen en nada na miña xestión, desde traer a Gloria Moure ata formar un equipo. O terlle marcado unhas pautas nun principio penso que foi moi importante para o CGAC, e para o país, para facer un centro con futuro e que fose unha fiestra cara ao exterior. -As últimas obras que fixo, antes desta exposición, eran retratos de xente como Francisco Fernández del Riego. ¿Séntese cómodo no retrato? -É un xénero que me gusta moito; de feito, nesta exposición presento un autorretrato. Fundamentalmente hai que debuxar ben, e despois captar a forma de ser do individuo, para que a quen pintamos sexa a persoa que queremos retratar, e non só alguén parecido. -Vostede dálle moita importancia ao debuxo. ¿Para ser pintor hai que ser debuxante? -É a base, non hai máis remedio. O problema das facultades hoxe é que se debuxa pouco. Para facer abstracción hai que saber pintar. Picasso non sería o gran pintor do século XX se non fose ese gran debuxante. Para facer catro raias hai que ser debuxante, e para poñer cinco cores tamén; é básico.