Ramón del Valle-Inclán morreu un 5 de xaneiro. Foi no ano 1936, antes de que comezaran as desgrazas todas. Por clarividencia, intuición ou por necesidade clínica, o dramaturgo volveu a Santiago nos seus últimos días. O Concello da capital de Galicia publicou unha reconstrución documental dos últimos días do escritor na cidade, escrita polo seu neto Javier del Valle-Inclán Alsina. O volume, editado pola Concellería de Cultura dentro da colección Cadernos de Compostela, retrata o ambiente deses meses que ao cabo foron os de preludio da Guerra Civil. Valle-Inclán chegou a Compostela en marzo de 1935 para ser tratado polo doutor Manuel Villar dunha doenza que, finalmente, era un cancro de vexiga. O libro de Javier Valle-Inclán documenta a historia deses meses de vida compostelá que, en tanto non se agravou a enfermidade, valéronlle para participar nas tertulias literarias do Derby con xente como Carlos Maside, recibir algunhas homenaxes, escribir algo para os medios de comunicación galegos, tal como fixo para La Voz de Galicia, facer visitas a Vigo e algunhas excursións a outros puntos de Galicia. O agravamento da enfermidade acaba primeiro coa vida social e literaria do escritor e o libro Valle-Inclán en Compostela. A derradeira estadía en Galiza concéntrase na súa morte e na repercusión que tivo na actualidade galega da época. Arredor dese 5 de xaneiro do 36 e dos movementos rexistrados tralo pasamento do escritor. O volume conta a rápida reacción do Partido Galeguista para estar ben representado no funeral do dramaturgo, a reacción do Concello de Santiago publicando un bando no que se animaba aos veciños a sumarse ás exequias e o ambiente que se viviu no cemiterio de Boisaca o día en que foi soterrado o cadáver que, segundo unha declaración de Castelao recollida no volume e publicada neste mesmo xornal, infundía respecto. O galeguista de Rianxo asegurou que «nunca vin un cadáver que me infundira máis respecto. Valle-Inclán non ten máscara, pois é todo espírito. Toda Galiza está no seu corpo». Maltrato institucional Non é a de Castelao a única das reaccións que o libro recolle nas páxinas sobre a figura do escritor e tamén sobre unha certa polémica xerada arredor da celebración do seu funeral e das honras e homenaxes que tiveron lugar a partir dese día. O libro recolle as voces que sinalaron xa naquel tempo que o trato dispensado institucionalmente á figura de Valle-Inclán foi frío e atribúe unha parte dese distanciamento a que o escritor pedira «ser soterrado civilmente», o que restara a participación dalgunhas institucións e reducira a presenza de forzas vivas galegas. O volume retrata no mesmo sentido as dificultades para a celebración de homenaxes a Valle-Inclán nos meses posteriores ao seu pasamento en distintas cidades galegas. Así como o proxecto non realizado dunha edición das súas obras completas que debía ser financiado polas catro deputacións galegas.