Todos os territorios son este

Camilo Franco

CULTURA

Hai días que parcelamos a realidade para facela un pouco máis asumible. Pero ese truco da perspectiva non debería enganarnos: podemos interpretar as cousas en contextos parciais pero producir, prodúcense nun contexto xeral. Fan ben os editores en darse ánimos mutuamente na súa festa porque o optimismo ben entendido comeza por un mesmo. Fan ben porque para ser pesimista xa está a realidade numérica das estatísticas, a melancolía de algúns autores, o esquezo do presente doutros, as circunstancias adversas, o sistema educativo, a intervención do cine norteamericano no ocio de todos o días, o peso televisivo, a desgana nocturna, o desamor dalgúns libreiros e mais a baixa nos prezos da PS3, que configuran un horizonte de fuxida lectora que non sei se se atallará pola vía exclusiva dos autoánimos e da reclamación institucional. A batalla é máis grande que todo iso. Os peixes do aquarium coruñés onde se celebrou a entrega dos premios eran indiferentes a todo o rebumbio. Pero xa sabemos o malas que son as metáforas. Non é un paradoxo, é a tensión dos contrarios. A primeira vocación dun anarquista é organizar o mundo. Por iso Lodeiro ofrece unha pintura tan organizada, harmónica, algo chillona pero case idílica. Porque, no fondo, o que quería este artista vigués era pór algo de orde no caos. Que o CGAC recupere a Lodeiro é unha demostración de sentido común e de que a historia da arte contemporánea en Galicia ten máis vimbios dos que se anuncian. Que haxa que recuperar a Lodeiro quere dicir que houbo un tempo no que o tivemos perdido. A actitude singular de Lodeiro foi a de ser un artista contemporáneo sen postureo. Apegado ás súas manías pero sen necesidade de convertelas en estética. Despois de recuperar a súa pintura poderiamos recuperar a súa heterodoxia pero non para ser máis felices, senón para ser máis sensatos. Escoito algunhas das razóns que esgrimen os partidarios da lusofonía sobre o portugués como lingua común, sobre portas que se abren, sobre territorios diferentes como mesmo territorio lingüístico. Asinto convencido. Pero logo alguén canta e mentres me distraio doume conta de que eses mesmos argumentos foron utilizados por algúns presidentes da Real Academia Española, por escritores orgánicos de réximes diferentes e mesmo por monarcas para referirse ao castelán. Mentres propoño que as telefónicas poñan en marcha unha tarifa lusófona para falar con calquera país do ámbito, quedo lixeiramente atrapado nun paradoxo inevitable: cando te distancias dun punto vaste achegando a outro.