Excedentes en poesía

Camilo Franco

CULTURA

03 dic 2007 . Actualizado a las 00:18 h.

Con tanta idade de ouro da poesía galega, con toda esa contemporaneidade lírica sobardando as fronteiras máis inmediatas, a Unión Europea vaise decatar dunha realidade que aquí quedou clara hai anos, en relación co tamaño, somos a primeira potencia versificadora de Europa.

Excedentes en poesía. Pero en canto a burocracia europea se percate da nosa capacidade de produción lírica, vai calcular que temos sobreoferta, vai chegar á mercantil conclusión de que Galicia é excedentaria en poesía e vai actuar en consecuencia. Como calquera neoliberal convencida, a primeira vocación de Europa será intervir no mercado e, asustada pola incesante sucesión de poemarios, decidirá a introdución dun sistema de cotas. Despois das primeiras manifestacións en contra, acabaremos aceptando os designios de Mitteleuropa e, unha vez que o número de libros por ano estean decididos, veremos anuncios na prensa para mercar dereitos de publicación para rimas asonantes.

«La salud de saber que estamos muy enfermos». Mentres Europa non se entera de que aquí convertemos todo en poesía, o Cervantes busca afastarse da lírica pequenoburguesa, dos restos de venecianismo, dos superegos e dos minieus, e de toda vocación críptica premiando a Juan Gelman, un poeta que só recoñece como oficio o xornalismo, e que sabe que a poesía non naceu para cambiar o mundo.

Traduce que algo queda. Aínda alguén pode reparar no falso paradoxo de que a literatura galega pida a reafirmación da lingua propia e logo declare estratéxicas as traducións. Hai xente para todo. Pero é verdade que en Galicia hai moitas frases nas que se confunde lingua e literatura como se fosen un sinónimo raro. Quizais deslindar un pouco estaría ben para que a literatura non cargase con pesos excesivos, que a xente percibise que unha lingua non é só unha necesidade cultural e que a tradución é unha ferramenta para exportar o noso imaxinario.

Menos mal que Ikea queda en Portugal. Grazas á multinacional sueca que ten como mérito converter aos seus clientes en traballadores sen seguro do sector mobleiro, unha parte importante da poboación galega está descubrindo que Porto é aí ao lado e que fronteira é un termo administrativo. O que quere dicir que, cando o interese apreta, a distancia diminúe. Quere dicir moito máis. Por exemplo, que a primeira distancia é a do costume ou a do prexuízo. Pero estamos de noraboa. Agora sabemos que Portugal está aí ao lado e aínda vemos a xente lendo o catálogo de Ikea en portugués.