A Casa do Queixo: «A idea foi sempre dar a coñecer a forma de vida do rural, que se está perdendo»

A. F. C. FERROL / LA VOZ

SOBRADO

CEDIDA

A explotación atópase en Casal de Abaixo, unha aldea de Sobrado dos Monxes

27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos responsables da Casa do Queixo gústalles chamarlle zoo escola. Atópase en Casal de Abaixo, unha aldea de Sobrado dos Monxes, pódese visitar gratis ou con guía, opción pola que se decanta a maioría da xente, con prezos diferentes segundo a temporada. Ofertan uns trinta obradoiros, nos que os rapaces, a maioría dos que se achegan á granxa, poden aprender a elaborar pan, queixo, chourizos ou conservas de froitas. Pero o que máis lles gusta son os animais. «Ese é o noso forte», indica Ángel López Fidalgo, representante do centro. «Encántame ensinar todo isto», recoñece.

Na Casa do Queixo teñen galiñas, coellos, dúas vacas, un burro, dúas bestas, un cabalo, ovellas, cabras, porcos, cans e gatos. Ofertan rutas polo río e campamentos, teñen restaurante e unha tenda degustación (Betanzos). «A idea foi sempre [o proxecto botou a andar en 1999] compartir as nosas experiencias e dar a coñecer a forma de vida do rural, que se está perdendo. Por iso empezamos a traballar cos colexios», subliña. Foron evolucionando, adaptándose ás necesidades, e agora queren ser autosuficientes (con horta ecolóxica) e van crear a Sociedade Cooperativa de Ocio e Lecer Educativo (Scoled).