Ángel até o final

Daniel Amor

SADA

Contigo aprendimos a querer a Sada, da que eras fillo predilecto

31 may 2020 . Actualizado a las 01:50 h.

Falaramos, agora sei que por derradeira vez, un día de febreiro antes de que empezara o confinamento por este bicho que tanto ten movido as nosas vidas.

Foi un encontro casual mentres dabas o teu paseíño diario, sempre con Toñita dende que o camiño cara ós 90 anos empezara meses atrás a poñerse cada vez máis complicado. A conversa, como tantas veces, alongouse un bo intre, porque contigo era sempre unha ledicia falar, aínda que entón xa falaba máis Toñita. Rematamos lembrando o teu inminente 90 aniversario en abril e de que o teu amigo desde os tempos do Vulcano e o Sansón, meu tío Xoán, os tería feito este 17 de maio. Nunca se te pasaba.

O teléfono xogou unha mala pasada e fixo que en ningunha das nosas dúas ou tres chamadas durante o confinamento puideramos contactar para saber de vós. E un mércores a media mañá chegábanos a nova da túa derradeira viaxe, de xeito discreto, sen dar a lata e sen chamar a atención, sendo moi Ángel até o final.

Contigo aprendiamos a querer a Sada, da que eras fillo predilecto; a coñecer ás súas xentes, amosabas unha memoria prodixiosa para ás árbores xenealóxicas das familias sadenses; aprendiamos a amar a música, admirando e seguindo dende 1978 a 2014 a Coral Polifónica da Sociedade, da que fuches fundador principal e único director nunha extensa e brillante traxectoria de Matosinhos a Asturias. Non esquecemos tampouco tantos anos de traballo con importante presenza en tantos proxectos da Cerámica do Castro. Imaxínote xa buscando a algúns dos rapaces daquel grupo de amigos, que partiron antes, para volver tocar a bandurria na barbería de Fernando Dans ou argallando para volver facer voar como tantas veces durante anos o globo nas festas de agosto.

Lembrarémoste na Sociedade Recreativa Cultural e Deportiva de Sada na que tanto tempo, traballo e aprendizaxe deixas para sempre. Contarémoslle a Simón, o bisneto nacido o 14 de maio e ao que aínda coñeciches, a persoa tan especial que foi para nós o seu bisavó.

Grazas por ser como fuches e ata sempre, querido e admirado Ángel Vázquez Freire. D.E.P.