A entidade que preside Celes Espiño leva 10 anos reivindicando a vela tradicional e este outono volve a promover a carpintería de ribeira cun curso no que recuperan un barco das Rías Altas
18 sep 2019 . Actualizado a las 12:49 h.A Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros leva dez anos traballando na recuperación, restauración e conservación do patrimonio marítimo e cultural de Galicia e ao fronte dela está, dende o comezo de 2019, Celestina Espiño (Ferrol, 1959), a quen lle tocou vogar contra as Administracións nun momento en que a súa frota ten dificultades para acceder ao mar, ao pechar Portos cunha valla a rampla que usaban en Sada para chegar as súas embarcacións. Os Patexeiros contan cunha quincena coas que promoven un xeito máis primitivo de navegar.
-Ao cumprir os dez anos, cal e o principal reto da entidade?
-O acceso ao mar, para nós é esencial. Tamén o é contar cunha zona para invernar e solucionar o tema da Balbina, xa non podemos asumir en solitario o mantemento do último barco patexeiro. Non queremos que desapareza e levamos bourando moitos anos para mantela a flote.
-Máis había un proxecto para musealizala.
-Temos falado cos alcaldes de Sada e Oleiros, que son os dous sitios onde temos presenza, pero non hai nada en firme. Nós xa non podemos facernos cargo dela en solitario, o custe de mantela é moi elevado para sufragar coas cotas dos socios. Dende Sada mostraron interese en que puidera ser visitada, porque para o Concello suporía manter unha das súas sinais de identidade do pasado mariñeiro da vila, pero non se concretou. Temos pendente volver a falar.
-Hai moitos seguidores da vela tradicional na bisbarra?
-A verdade é que afección é escasa. Non hai relevo xeracional, non se ve xente nova, se cadra porque non se lle dan facilidades. A vela lixeira si que as ten, pero a tradicional non conta con ese apoio e tampouco coa suficiente visibilidade. O que non se coñece tampouco se aprecia. Aínda así quedamos un grupo de aguerridos resistentes, pero hai que recoñecer que a maioría pasamos dos corenta.
-Están publicitando un novo curso de carpintería de ribeira.
-É o sétimo que facemos. Arranca o 19 de outubro e serán 24 horas de clase en cinco xornadas. Os que participen axudarán a recuperar un barco, o Nordesía, un bote das Rías Altas que intentamos que volva a estar en perfecto estado. O curso, que facemos na Carpintería Lorbé, axuda tamén a coñecer xente que lle gustan as embarcacións e aos que se lles dan nocións para poder facer labores de mantemento do seu propio barco.
-Este verán organizaron Rumbo Ártabro, unha travesía de varios días na que se sumaron outras entidades. Que tal foi?
-Fíxose unha ruta de catro días, coa colaboración dos portos e as asociacións de Ares, Ferrol, Mugardos, Perbes e Sada, que serviu para darlle visibilidade ao colectivo, para facernos un sitio e ter máis corpo. Coa Copa Balbina, una competición de regularidade que celebramos no verán, tamén intentamos potenciar a unión entre os afeccionados.
-Cal é o balance destes dez anos de asociación?
-Que estamos aquí, houbo dificultades, pero seguimos aquí intentando solucionalas e aproveitando para navegar dun xeito non comparable con outras modalidades. E, ao mesmo tempo, loitamos por manter un patrimonio material e inmaterial que non queremos que desapareza.