Novedades Carminha: «O Vocoder no fondo é algo moi ''punk''»

La Voz

SADA

Sandra Alonso

O grupo galego chega  ao Espacio Mahou con novo álbum, «Ultraligero», en deriva a terreos máis bailables

08 ago 2019 . Actualizado a las 00:30 h.

Ano especialmente doce para Novedades Carminha, coa publicación de «Ultraligero» e un cambio de estilo a terreos máis bailables. Hoxe estarán nos concertos de Espacio Mahou (21.00 e 22.00 horas) e o sábado actuarán nas festas de Sada. Falamos co batería, Xavi Pereiro.-Hai un cambio considerable dos primeiros discos a este.

-É que nos fixemos maiores. Se te paras a pensar, no espírito de Novedades Carminha non hai tanto cambio, seguimos falando das cousas que nos fan rir. Pero levamos doce anos, e para que o grupo siga funcionando musicalmente hai que madurar, sen querer ser pretensiosos, porque tampouco é que toquemos que flipas. Queriamos probar cousas novas.

-E deron cunha receita infalible para o baile, con temas como «Verbena».

-Está complicado quedar quieto, si. Antes tamén tocabamos para bailar, pero máis duro, máis de pobo. Pero co tempo descubrimos que bailar amodiño tamén é divertido.

-Isto é unha paréntese dentro da carreira «punk» do grupo ou é algo definitivo?

-Non teño nin idea. Hai cinco anos había moita máis música de guitarras, e nós reaccionamos tirando para outro terreo: cambiamos á música de baile. Pero se a música de baile se pon moi de moda igual cambiamos outra vez ás guitarras. Non sei como reaccionaremos. A cousa é pasalo ben.

-Co uso do Vocoder e o Autotune estades pisando terreos moi perigosos para un «punk».

-Pero se o Vocoder, no fondo, é moi punk! Se non sabes cantar é algo que che pode levar a facer cousas moi guapas e creativas con moi pouquiña técnica. É un recurso, sen máis. Ademais, mola sacar estas cousas do mundo do trap e ver como funcionan noutras músicas. Aínda que hai xente que se ofende. Igual para iso o facemos.

-E que tal tomaron este cambio os fans?

-Hai de todo. Hai quen se divorciou totalmente de Novedades. Os meus colegas da infancia, por exemplo, son fans dos primeiros discos, pero non soportan a nova movida. Pero tamén hai outros que estaban no principio e que atoparon unha nova identidade coas novas cancións. Incluso nunha mesma cuadrilla hai fans duns discos e doutros, e iso é estupendo, fomentamos o debate e a política entre eles.

-En Escenario Mahou farán un concerto en formato pequeno, case acústico. Que farán coa batería?

-A min non me poden deixar fóra, pero si que tiven que adaptar a cousa a algo máis electrónico, moi de verán e de pasalo ben. É que o set acústico peta moitísimo. Pero será máis ou menos o mesmo, quizais algo máis lento.