Mofa e Befa e Sés celebran as Letras Galegas en Sada

La Voz

SADA

MARTINA MISER

Presentacións literarias, concertos e encontros con autores enchen un programa que se estende ata o día 24

08 may 2019 . Actualizado a las 21:14 h.

O concello de Sada celebra por todo o alto o Día das Letras Galegas, dedicado nesta edición ao historiador e xeógrafo Antón Fraguas, cun ambicioso programa de actividades que se estenderá dende agora ata o 24 deste mes de maio, con música en directo, presentacións literarias, conferencias e representacións teatrais, ademais de outras accións de incitación á lectura. E todo de balde.

Mañá mesmo terá lugar na biblioteca municipal Ramón Suárez Picallo unha conferencia organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, ás 19.30 horas, titulada Desmontando os prexuízos e as mentiras contra a lingua galega, á que seguirá o venres ás 19.00 horas un encontro literario do Club de Lectura Recacheira co autor do libro Historias de neofalantes: a aventura de vivermos en galego, Manuel B. Dans.

Xa a vindeira semana, na véspera do 17 de maio, de novo a biblioteca municipal Ramón Suárez Picallo acolle ás 17.00 horas un obradoiro de lectura asistida con cans para nenos de entre 5 e 11 anos. E tamén o xoves, ás dez da noite, haberá un concerto de Sés na carpa situada na praza Irmáns Suárez Picallo, onde presentará o seu novo traballo discográfico, titulado Rabia ao silencio.

O propio Día das Letras Galegas actuará a Banda Municipal de Música ás 12.00 horas na casa da cultura Pintor Lloréns, cun programa baseado en pezas do repertorio tradicional galego e no cancioneiro de Pucho Boedo e os Tamara, interpretadas por cantantes de grupos locais.

E xa pola noite, ás 21.00 horas, estarán Mofa e Befa -Josito Porto e Víctor Mosqueira- co seu espectáculo teatral Cranios privilexiados, un diálogo filosófico cargado de humor no que pasarán polo escenario dende grandes pensadores da historia da humanidade, como Sócrates, Pitágoras ou Kant, ata outros filósofos se cabe non tan coñecidos, pero igualmente sabios, como Polemón, ao que cualifican como o máis grande filósofo galego de todos os tempos (e que casualmente é o pai de Mofa e Befa).

Os actos festivos polas Letras Galegas péchanse o venres día 24 ás 18.30 horas na biblioteca municipal, co espectáculo musical baseado no libro cedé de Paco Nogueiras titulado Brinca Vai!, recomendado para nenos maiores de 4 anos.