Oleiros licita o edificio multiúsos de Bastiagueiro por 11,7 millóns

Antón S. Rodríguez OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Recreación do interior do edificio multiusos de Bastiagueiro, Oleiros
Recreación do interior do edificio multiusos de Bastiagueiro, Oleiros CONCELLO

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ate o 21 de agosto

24 jul 2023 . Actualizado a las 18:39 h.

O Concello de Oleiros anunciou a licitación máis desexada nos derradeiros anos, a do edificio multiúsos de Bastiagueiro, un proxecto anunciado e redactado no anterior mandato pero que xa se coloca entre os primeiros deberes municipais tras as elección de maio. Cun orzamento de 11,7 millóns de euros, as empresas aspirantes a executar este edificio e a súa contorna teñen de prazo ate a medianoite do 21 de agosto para presentar as súas ofertas. Só tres días máis tarde, o 24, está prevista a apertura de sobre para analizar as bases técnicas e administrativas.

A elección final coa oferta económica está prevista para o 7 de setembro ás 10.30 horas na sala de xuntas do Concello de Oleiros. Un vez asignada, a empresa elixida terá 18 meses de prazo de execución. O alcalde, Ángel García Seoane, transmitiu a súa alegría por sacar adiante un proxecto desexado xa hai moito tempo. «Levamos moitos anos intentando crear un gran edificio multiúsos en Bastiagueiro, que non chegara a poder facerse realidade no seu día por un boicot do PSOE de Oleiros. Pero agora si, por fin vai contratarse. Unha instalación necesaria coa que imos poder seguir fomentando a cultura e o deporte en Oleiros», sinalou o alcalde.

O edificio multiúsos de Bastiagueiro está deseñado para albergar actividades e espectáculos que poden contar coa presenza de ata 3.500 persoas. Está deseñado con planta circular cun diámetro de 88 metros e 20 de altura. De feito, no interior da pista hai 16 metros de alto «para poder albergar eventos deportivos de alto nivel». A planta baixa en semisoto encaixa na ladeira arborada. A edificación responde a un tipo cigurat que, segundo avanza en altura, vai retranqueando con cubertas axardinadas para reducir o impacto ambiental.

De fachada acristalada, terá celosías orientables para permitir o control da luz interior e o aproveitamento térmico da luz solar. No inverno a esta radiación se lle permitirá que invada o edificio para calefactar o espazo. E no verán, estas mesmas láminas evitarán o sobrequecemento das salas. A superficie da parcela na que se levantará o edificio multiúsos rolda os 109.000 metros cadrados, se ven a ocupación da obra afecta a 7.850.