Mens sana in corpore sano

OLEIROS

Wifre Meléndez

Unha vivenda para un estudante de Ciencias do Deporte ideada polo Estudio Imaisdé na que a actividade física está presente en cada un dos cuartos e onde as cores enchen de xuventude e aire fresco cada recuncho

24 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A mencer e almorzar entre unha cociña branca e unha mensaxe: ‘De hoxe nun ano, graduado’. O mesmo ocorre noutros cuartos, con paredes cheas de frases vencelladas coas Ciencias do Deporte, carreira que estuda o seu principal inquilino. O estudio Imaisdé, con Pablo Crespo Pita á cabeza, fixo desta vivenda un piso axeitado á xente nova, cargado de alento e ledicia, pero con todas as necesidades cubertas para vivir.  

Wifre Meléndez

Piscina no baño?

A obra realizada no termo municipal de Oleiros, en A Coruña, foi desenvolvida pola firma Gespronor e conta con espazos abertos, mesturando nas superficies murarías vigas de formigón ao aire con cromáticos murais que inclúen simpáticas mensaxes. ‘E ti, de quen vés correndo?’ ou ‘nado que teño que nadar’ son algúns exemplos, todos eles feitos pola empresa Gráficas Mera. Os mobles apostan pola linguaxe fresca e afástanse do horror vacui. Orixinal tamén é o baño, creado como unha prolongación dunha piscina á que non lle faltan as súas rúas para os nadadores. O estudio Imaisdé bautizou esta vivenda como Piso Olímpico pola súa proximidade ás instalacións do INEF de Oleiros e polo espírito que transmite en cada metro cadrado. Unha fonte de inspiración para superarse para o novo propietario e unha xanela aberta que impacta polo atractivo visual e pola optimización dos espazos e formas.