Unha mellor cara para a Marina

Daniel D. Grandío MAREA

OLEIROS

Anova cara da Marina é un dos exemplos máis recentes do que significou en tempos non moi lonxanos a concepción do espazo público e do urbanismo para anteriores gobernos municipais e, a un tempo, imaxe dun espazo de oportunidade. O proxecto para a remodelación da superficie derivado da construción do túnel do Parrote estaba chamado a ser, en palabras dos seus impulsores, a «sala de estar da Coruña». Unha obra que tivo para as coruñesas e coruñeses un custo de 10,8 millóns de euros, cun reclamo por sobrecusto de 9 millóns pola construtora, e que amosou nunha estrea orquestrada a contra-reloxo, non estar equipada nin acondicionada a este uso. A superficie, unha vez liberada en exclusiva para uso cidadá e o paso do transporte público, permite avanzar no que son dúas liñas prioritarias para este goberno local, como é o coidado do espazo público e unha mobilidade máis sustentable, un obxectivo ao que hoxe só entorpecen os atrasos da Autoridade Portuaria para formalizar a cesión do espazo. A proposta elixida para fornecer esta explanada case baleira busca, lonxe das visións meramente esteticistas doutros gobernos, dar funcionalidade a un espazo escasamente acondicionado para o seu uso e facelo máis amable, con sombra e lugares onde gorecerse, máis lugares de xogo e novas zonas verdes. O proxecto xa en marcha do carril bici metropolitano ten ademais na Marina un punto de partida ou chegada dunha rede que xa na primeira fase se estenderá, sen cortes, ata os municipios de Culleredo e Cambre, quedando como débeda a conexión con Oleiros a través da ría. A Mariña ten nova cara, si, pero esperamos poder darlle unha mellor, pensada por e para a cidadanía, non ao revés.