O 21 de maio de 962 frei Vitizani, Veremundo Magnetiz e Xermía Menéndez déronlle a don Novio, abade de Samos, unha vila en Muro Mahamuth, que se corresponde co lugar de San Mamede en Ronfe, do actual Concello de Láncara.
Sentario, Victizano, Vermudo e Xeremía eran curmáns doutro Vitiza, de quen, estando morto, quedou libre e abandonada a súa herdanza e ao dispor dos seus parentes citados, que eran os primeiros e máis propincos e tamén o uterino irmán deles chamado Santario, e postos de común acordo todos eles, deron e concederon pola súa ánima a vila que fora del e que estaba no territorio de Sarria, baixo de Muro Mahamuth «preto da vila do rei que chaman Larín», íntegra polos seus termos, segundo e obtivo polas súas cartas e garantías propias e en todo o xeito coas súas prestacións e adxacenzas, con entradas e axeitos, augas produtivas e todo o intrínseco ás casas e con todo canto co mesmo xeito gañou e acrecentou, integramente o concederon eles para a parte do Mosteiro de Samos e do abade Novio, coa congregación dos seus monxes tamén «para que a súa ánima diante Deus ache mercede copiosa e o mosteiro a conserve para os peregrinos e pobres por todos os séculos».
Asinaron a carta de cesión o abade Novidio, Fulxencio, Magnito e Gomarigo, estes tres últimos como testemuñas.
Resulta moi interesante este documento porque nos remite a Casa do Rei, que chaman Larín, lugar onde residían o xuíces da Terra de Sarria, con ampla xurisdición entre Neira e Sil, sendo tamén Larín o lugar que daba lugar as tenzas dos intitulados Comes in Elarin ou Comes in Sarria .
San Mamede, preto de San Xoán de Muro, no territorio de Sarria, remítenos tamén a medieval Terra de Sarria, que se circunscribía entón ás terras existentes entre os ríos Neira e Sarria, polo tanto moito máis ao norte que a actual denominación xeográfica, pois na súa maior parte eran da Terra de Sarria parroquias que hoxe forman parte dos concellos de Láncara e Baralla.
Andando o tempo Vilambrán, Ronfe e Santiago de Viance, beira do río Sarria, serán xurisdicións independentes, vencelladas a familias fidalgas, mentres que Larín, integrada na xurisdición de Castelo dos Infantes por algún tempo estará vencellada en Sarria, ata que todas as parroquias da marxe dereita do Sarria, augas abaixo de Santiago da Veiga, incluíndo tamén a San Martiño de Oleiros e A Pobra de San Xiao se integran en 1840 a Láncara. A xeografía política é mudable.