Labirintos de millo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

MESÍA

21 ago 2021 . Actualizado a las 09:27 h.

Estes días estase falando moito dun labirinto de millo que argallaron en Mesía, cunha mensaxe contra a covid que se le dende o ceo, coma as liñas de Nazca ou, mellor, como aqueles simpáticos agricultores que creaban debuxos raros nos cultivos para facer crer que foran os alieníxenas, e ata había quen picaba e todo.

Resulta que o dos labirintos estes non é nada novo, senón que hai moitos por aí adiante, bos de buscar en Internet. Ten un indubidable tirón estético e de diversión sobre todo para os nenos, pero a min esas modas non me entran. Son dos de aproveitar o rego ata o límite, e o cadullo ben levado por de par da outra leira ou do valado. Cortar polo medio sen máis é un estrago! E xa bastantes pés levan os xabaríns. Se ata deixar para un carreiro se debatía moito pola perda de espigas. Pero iso non quita que non goce andando entre o millo: moito. É o cultivo agrario máis fascinante, por iso deu para tantas novelas e películas de misterio. A maxia empeza agora, a finais de agosto, cando xa se vai logrando e despunta o cenceno. Que gusto dá moverse entre os regos cando bufa o vento e abanea os pés acompasadamente, nese bosque verde que, ademais, aílla moi ben de todo o que pasa a poucos metros, mentres un se vai impregnando dos fíos das barbas novas da espiga e apartando das follas máis gordas de abaixo. Esas que cortan a pel cando parece que non cortan nada, igual ca ese orballo miúdo que semella que non molla e déixate para enxugar. O millo, ata finais de outubro ou novembro, cando chegan esas enormes máquinas que levan todo por diante en dúas horas, é a cor que máis está conectada ao noso pasado por este tempo. Os que aínda segan a man e esfollan, sofren moito e láianse do lombo, pero aprezan todo iso moito máis.