Alberto Aneiros Vilariño gaña o cuarto concurso de marchas procesionais Blas García Liz, en Viveiro
CULLEREDO
O xurado premiou a obra titulada «Os Caladiños», que será presentada pola Banda de Música o Landro o 21 de marzo no programa Adral de Semana Santa
10 feb 2026 . Actualizado a las 21:20 h.O músico Alberto Aneiros Vilariño, orixinario de Culleredo (A Coruña), vén de gañar o cuarto Concurso de Composición de Marchas Procesionais Blas García Liz, coa marcha titulada Os Caladiños. O xurado formado por David Rivas, Fernando Buide e Daviz Fiuza elixiu a obra por «presentar unha funcionalidade impecable, coidando con precisión todos os detalles esixidos na escritura procesional e demostrando unha concepción plenamente pensada para a súa interpretación tanto en espazos interiores como no desfile exterior». O xurado valorou que Aneiros participou en varias edicións do concurso, mostrando «a súa evolución constante».
Aneiros reside en Madrid, onde é funcionario técnico da Banda Sinfónica do Corpo Nacional de Policía como clarinete principal solista. Unha actividade que compaxina coa composición, a investigación e a docencia. Comezou os seus estudos de clarinete con 13 anos na Asociación de Amigos da Música de Ordes, continuando posteriormente no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, onde rematou estudos con matrícula de honra e premio extraordinario de fin de grao. En paralelo cursou a diplomatura de Maxisterio musical (2009-2012) na Facultade de Ciencias de Educación da USC. Realizou ademais estudos superiores en Oporto, A Coruña ou La Rioja.
Presentación na igrexa de San Francisco
A marcha será presentada o sábado 21 de marzo na igrexa de San Francisco pola Banda de Música O Landro no marco do ciclo Adral, que impulsa a Xunta de Cofradías de Semana Santa.