Pilar Pallarés: «A pervivencia está na memoria»

A escritora, premio Nacional de Poesía 2019, lembra os faladoiros con Seoane, Pillado, Díaz Pardo ou os Dieste e tamén fala da sua relación cos gatos


Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), chega axudada polas súas muletas e busca acomodo na terraza mirando ao lonxe -«Teño claustrofobia»-. Fala suave e claro e sorrí ás veces, iluminando a súa conversa de profesora de literatura e de mestra da vida.

-Como pasou o confinamento?

-Eu pasei por moitos confinamentos individuais. Operáronme tres veces da perna e estiven con escaiola ata a cadeira dúas veces. Partina catro veces, aparte doutras operacións. Así que catro meses na casa en sete ocasións xa é unha especie de confinamento. Pero todas esas veces estiven acompañada. E cando tes unha escaiola sabes que cada día que pasa é un día menos. Isto foi diferente. Eu vivo soa, e iso foi duro. Necesito ás persoas de carne e óso.

-Pensa que virá algún cambio desta experiencia?

-Non. Sempre dixen que non ía mudar nada. E decateime de que son infinitamente máis capaz de facer fronte aos problemas que me causa a miña saúde que a unha doenza colectiva. Había momentos que case me provocaba fobia. Isto, se non se muda, é un síntoma da destrución do planeta, unha broma comparada co que traerá o cambio climático.

-Falemos un pouco da lingua. Tamén é pesimista?

-Moi pesimista, porque as novas xeracións teñen máis coñecemento formal pero sen utilización. Un idioma sobrevive unicamente se é útil e, en Galicia, unha persoa pode vivir perfectamente sen usar o galego para nada. O bilingüismo social non existe. Unha comunidade non necesita dos idiomas, sempre hai un que sobra. E neste caso está claro cal é o idioma que se considera sobrante. Mentres teñamos o dereito a falar o galego pero non o deber, está claro que todo seguirá igual. Depende do poder político.

-É so unha cuestión política?

-Non. Pero a cuestión política é imprescindible.

-O outro día sabiamos dun estudante que, cunha nota altísima en selectividade, optou por facer Filoloxía Galega.

-Non é algo excepcional. Algúns dos alumnos máis brillantes que pasaron polo meu instituto, fixeron Humanidades ou Filoloxía, ou Tradución...

-Sempre quixo ser profesora?

-Sempre. Xa lle daba clase ás bonecas. Durante a adolescencia quixen ser pintora. Escribía tamén, pero non lle daba ningunha importancia.

-Segue pintando?

-Non. Vivindo en Vigo pintaba moito, pero non fun a ningunha clase. Cando volvemos a Culleredo, deixei de pintar radicalmente. Anos despois comecei a ir aos faladoiros que Francisco Pillado, que foi director de La Voz, facía na súa casa. Un día preparoume unha encerrona para que lle lera as miñas poesías, que tiña escritas a man nun caderniño, a Luis Seoane. E alí xurdiu todo.

-Gustáronlle?

-Eu tiña uns dezaoito anos e estaba fascinada por Seoane. Era tremendamente xeneroso e decidiu que había que publicar libro. Eu tiña que participar nunha homenaxe a Lorenzo Varela uns días despois e comprometinme a levarlle a Seoane os meus poemas para o libro. Morreu a noite anterior. Entre Maruxa, a viúva, Pillado e Isaac Díaz Pardo conseguiron sacar o libro adiante.

-Bonita historia.

-Si. Tamén tiven a sorte de participar nos faladoiros dos Dieste... Fun moi privilexiada coñecendo tan nova a xente así.

-O ano pasado gañou o Premio Nacional de Poesía. É un título xigantesco.

-Xa, ben, non sei.

-Si que o sabe.

-Si. Pero eu non relacionaba ese premio comigo. O que máis lembraba do premio é o enorme acoro de [Manuel Álvarez] Torneiro cando llo deron.

-Cambioulle algo la vida?

-Ao principio foron moitas chamadas e entrevistas e tivo unha parte bonita porque supuxo o reencontro por teléfono con moitas persoas. E no meu barrio foi tamén bonito e houbo como unha especie de orgullo popular.

-Para crear, mellor sufrir ou mellor gozar?

-Escríbese moitísimo máis sobre o negativo que sobre o positivo. Cando estás en plena chaladura amorosa, basicamente vives.

-Vostede como fai para escribir. É metódica, caótica?

-Eu podo pasar moito tempo sen escribir. É como un proceso de levedación. Ideas, impresións, sentimentos que tes na cabeza durante moito tempo sen formular. Eu quero desligarme da lóxica á hora de crear. Teño que atopar un ritmo interior no poema, un primeiro verso que desencadee o demais. Parece repentino, pero é mentira.

-Mellor talento ou perseveranza?

-Talento. Eu penso que todas as persoas temos unhas calidades innatas. Eu sempre tiven unha relación especial coa linguaxe.

-Ten vostede moitos gatos na súa vivenda e nunha casa aparte. Como é iso?

-Sempre tiven unha relación moi especial cos animais. Necesítoos. De pequena era a nena pelma que chegaba a casa con cans abandonados. E cos gatos levo toda a vida dándolles de comer.

-Cantos ten?

-Tiña nove e tiven dúas baixas. Agora teño sete, pero creo que pronto vou ter oito. E damos de comer a outros 13.

-Non terá problema para atopar catro palabras que a definan.

-Teimosa, é dicir, desesperadamente testana, con forza de vontade; empática, para miña desgraza, e cunha falta de frivolidade que me viría algo ben.

-E defina Galicia en poucas palabras.

-Un dos poucos países no mundo no que os seus habitantes teñen vergoña de pertencer ao seu país.

-Celta ou Dépor?

-Na familia do meu pai houbo varios adestradores afeccionados. A verdade é que lle collín bastante odio porque vivir no Peruleiro na época do Superdépor era moi duro. Pero non me interesa nada o deporte en xeral.

-Ten un sitio favorito?

-Lisboa.

-A que poeta lle tivese gustado coñecer?

-A Emily Dickinson.

-Que pensa que hai despois da morte?

-Encantaríame que me enterrasen na terra. Que de min se alimentasen outros bichos e medrase a herba. Non creo moito na vida que continúa. A pervivencia está na memoria dos demais.

-Unha canción.

-Rapture, de Anthony and the Johnsons.

-Que é o máis importante na vida?

-Non facer dano aos demais.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Pilar Pallarés: «A pervivencia está na memoria»