As letras galegas saíron pasear ao sol

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULLEREDO

ANGEL MANSO

Varias librarías abriron en festivo e Azeta pechou catro xornadas de actividades

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nós sempre tocamos moito polo Día das Letras. Somos Xebre, da asociación de veciños Oza, Gaiteira, Os Castros, e da de Monte Alto, xa que nos xuntamos». Isto contaba na mañá de onte Erea Estévez Campos, mentres a súa xente ensaiaba para actuar na praza José González Dopeso, diante da libraría Azeta. No mesmo lugar Ana María Rodríguez Alba, de Crecer creando, ensinaba aos máis pequenos a «matematizarse» e ata convertía en mestres a algúns deles. Así celebraban o Día das Letras Galegas, unha actividade que para o mediodía tiña concentrando a un bo número de persoas arredor dun libreiro, Suso Cambón, que fai moito máis que vender libros. De feito, a esa hora había máis xente nesta libraría da Cubela, unha das 17 da cidade que se sumou ás actividades do Concello arredor das Letras Galegas, centradas na praza de María Pita, onde tiña lugar a lectura pública de textos desde o balcón do pazo.

O sol animaba a xornada, aínda que Erea Estévez dicía que «nestas datas eu nunca podo marchar para a praia», pois ademais das actuacións que xa tivo estes días o grupo Xebre hoxe actuará no centro de día de Culleredo.

«¡Mira! Tienes Arenas abierto», dicía, sorprendida, unha nai á súa filla cando pasaban por diante da libraría do Cantón Pequeno. As dúas acabaron entrando, aínda que fóra había un posto con literatura galega.

A xornada festiva fixo que moitas librarías estiveran pechadas, pero outras abriron porque «é unha proposta que fixo a empresa de apostar polos nosos autores», dicía Ana Piñeiro, da libraría Nobel. «Este anos vemos que a xente está respondendo, que vén a propósito buscar os libros en galego e aproveitan o desconto, e para levar o agasallo (unha flor)», indicaba. Mentres falaba, a súa compañeira despachaba o último libro de Manuel Rivas, Contra todo isto (Xerais). «Yo no leo gallego, es para mi abuela, que se lee todo lo de Rivas y le faltaba este», explicaba o comprador.

Piñeiro dicía de María Victoria Moreno que «están funcionando ben os seus libros: é unha autora que merecía a homenaxe», algo ao que se sumaron en Berbiriana Félix Arias cantando e contando o conto da escritora ¡Xa non teño medo! Tamén participou, con outro conto da autora, Victoria Díaz. Foron algúns dos actos dun día no que as letras galegas saíron pasear ao sol.

«Hai que darlle naturalidade a este día: ¿Galego? ¿Por que non?»

Dicía onte Suso Cambón que estaba «moi contento». Tamén canso, xa que a súa libraría, Azeta, acolleu desde o pasado luns actividades arredor do Día das Letras Galegas. Aínda que sempre fixo actos nesta data, a primeira programación de varias xornadas na zona da Cubela preparouna o ano pasado, axudado polo seu veciño e escritor Xabier Puente Docampo.

-Cal é o obxectivo?

-A miña idea é ofrecer cousas ao barrio e darlle naturalidade ao Día das Letras Galegas. ¿Galego? ¿Por que non? É unha estupidez andar con iso de galego si ou non. Ás veces os pais que fomos criados en castelán non somos capaces de explicar ben as cousas en galego aos nosos fillos, pero hai que tirar para adiante...

-Participaron moitos rapaces nestas actividades?

-Esta é unha libraría de barrio e por iso viñeron dos colexios da zona: do Concepción Arenal, San Francisco Xabier, do María Mariño, polos que teño unha especial devoción. Foi tremendo pola emoción que poñen eles no que fan e cando rematan preguntan se o fixeron ben. Que doado é facer feliz a unha persoa nun momento determinado!

-Implícase moito o barrio?

-Si, isto dá moito traballo e nunca me farei rico [risas], pero hai moita implicación: cando lles pides participación ninguén fala de cartos, é un voluntariado fóra do normal.

-Ademais de lecturas, tiveron música e ata viño...

-Si estiveron o grupo Bule Bule Band, M.J. Pérez, que é unha rapaza do barrio, e o grupo Xebre, e logo o faladoiro do viño, como símbolo da cultura galega, foi moi interesante.

Cambón fai as actividades con colectivos e veciños do seu barrio

Na Coruña foi impreso, no ano 1810, o primeiro libro en galego: «Proezas de Galicia»

O coruñés Xosé Fernández e Neira, antigo guerrilleiro que loitara contra os franceses polas terras do Deza e Lemos, é o autor de Proezas de Galicia, o primeiro libro impreso en galego no ano 1810 na Coruña. Con motivo do bicentenario desta publicación o Concello, sendo concelleira de Cultura María Xosé Bravo, e en colaboración coa RAG, fixo una publicación que sinala que «o libro galego moderno é unha creación coruñesa». No libro de Neira, «dous labregos, afervoados defensores do país», relatan episodios da loita contra Napoleón.

1813

O primeiro éxito editorial. Eran 616 versos anónimos, aínda que era sabido que o autor era Manuel Pardo de Andrade, e que, publicados baixo o título de Os rogos dun gallego, escarnecían a Inquisición. Unhas das dúas edicións, feitas en pouco tempo, era de 10.000 exemplares.

1885

Biblioteca Gallega. Andrés Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre, fundador de La Voz de Galicia, poñen en marcha a editorial Biblioteca Gallega coa que «o libro galego dá un salto adiante» e aparece «o concepto de editor moderno», indican na publicación do Concello, na que o guión é do grupo Revisión. A sede da Biblioteca Gallega é na librería de Martínez Salazar, no número 16 de Rego de Auga.

1891

Uxío Carré na Cova Céltica. Como libreiro, editor e anfitrión da Cova Céltica (un faladoiro que daría orixe á fundación da Real Academia Galega), Uxío Carré foi un referente cultural coa súa Librería Regional. Carré publicou 24 obras e foi o fundador e director de A Nosa Terra en 1907.