A Coruña é pouco galega?

Xosé Alfeirán

A CORUÑA CIUDAD

galega
MARCOS MÍGUEZ

Nós sentímonos distintos e algúns din que somos uns señoritos

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que queres dicir? Que se fala pouco galego? Que é pouco galeguista? Que non fixo nada por Galicia? Non será que hai moitos notas que falan sen saber?

-Oes, neno, pero nós sentímonos distintos e algúns din que somos uns señoritos.

-O que somos é froito do que fixeron os nosos devanceiros. Vaia película! Desde 1208 A Coruña foi unha illa libre do poder feudal, e logo, desde o século XVI, a sede do poder en Galicia. A cabeza e garda do reino! Si. Aquí estaban o Capitán Xeneral e Gobernador, a Real Audiencia e houbo moitas xuntas do reino. Os alicerces das nosas institucións autonómicas. E a comezos do XIX foi un baluarte liberal contra o absolutismo. Por iso no seu escudo, enriba da torre, estaba o libro da constitución cuns raios de luz. A luz da liberdade, neno. E xa desde finais dese século sería unha illa republicana e anarquista fronte ao caciquismo monárquico, ata que a barbarie franquista tentou quebrar o seu espírito. Eh! e está o océano e o porto polo que ademais de xentes e mercancías, chegaron ideas e novidades. Aquí estamos, neno!, nunha Coruña liberal, tolerante e culta.

-Xa, pero imos ao tema: falamos pouco galego?

-Pois si, igual que noutras cidades de Galicia, pecamos. Mágoa! O que pasa é que unha gran maioría aprendeu a falar en castelán desde neno e aí quedamos. No centro é peor, apenas se escoita; nos barrios fálase moito máis. Si, é que unha parte da burguesía non acaba de recoñecerse na lingua galega. E ademais están os do lalalá, os ctv á madrileña, que pensan que é máis fino comer unha lubina que unha robaliza. Vai chapa que nos deron! E aumentaron os tópicos sobre nós. Iso é o da capitalidade de Galicia. Doe, neno, doe.

-E do galeguismo que?

-Buah, unha pasada! Hai moita desmemoria, neno. Se somos a cidade meiga! Vaia estatua lle fixemos a Curros! A vangarda do galeguismo democrático, político e cultural. Basta botar unha ollada ao listado de iniciativas e persoas recollidas nestas páxinas da Voz para comprobalo. Se ata Breogán é coruñés!

-Pero se é un mito inventado!

-Xa, pero por Murguía na Coruña e aí está no himno galego.

-Sabes o que penso, que A Coruña é como unha gran cebola galega, ten moitas capas. Mintiendes, neno!