Pereiro explicado por si mesmo

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

O escritor analizou en xaneiro de 1996 no pub Moka, da Coruña, as chaves da súa obra

15 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A autopoética é un xénero que se practica con moita vocación ficcional. Ás veces, os poetas deciden explicar alén dos versos e configurar un territorio que, en xeral, adoita ser menos especulativo que o dos ensaístas. Lois Pereiro asumiu o papel de intérprete da súa obra nun recital celebrado no pub Moka coruñés en xaneiro de 1996 e que servía de presentación a Poesía última de amor e enfermidade. Pereiro sinalou na introdución: «Este é un libro de poemas doado de explicar, non tanto de recitar, porque aparte de que creo que tódolos poemas deben sempre ser lidos, máis que escoitados, a miña voz non dá moito para máis».

Toda a vida

«Si o outro libro [Poemas 1981/1991] era o produto de poemas de dez anos, este é produto de case catro anos de vida pero escrito en menos de seis meses. Supoño que no meu interior había unha necesidade de expresarme, de expresar non só eses catro anos, senón os 37, case 38 que teño. De aí viña esa urxencia. E por iso o título Poesía última de amor e enfermidade, é un pouco esa búsqueda de contradición, entre as palabras, entre as sensacións, e de que todo forma parte da vida, tanto o amor coma o sufrimento, coma a morte, coma o desexo».

Resurrección

«Chegou o silencio, chegou a fenda moral e vital que me levou a ese silencio. Unha longa estancia no hospital, unha especie de resurrección, en tódolos sentidos, e non sei por qué, cando me din conta de que seguía vivo sentín a necesidade de ser outro personaxe, sentín e soupen que si quería vivir, seguir vivindo, tería que ser outro, tería que escribir ou reescribir o que antes calara, e entón pasado medio ano empecei a escribir en tódolos cafés, en tódolos lugares, en tódalas libretas, nas servilletas dos bares».

Negación e afirmación

«Despois dese proceso anterior, despertouse en min unha certa actitude negando ou recoñecendo o que me fixera ata ese momento, era un pouco, dito dun xeito metafórico, apostado contra Deus todas as inmensas noites a moeda infame de min mesmo, traducindo dun poema doutro exiliado de si mesmo como é Leopoldo Panero, como saberedes internado dende hai anos no manicomio de Mondragón, pero un poeta nunca deixa de ser poeta, calado, en silencio, errando, vivindo, escribindo? e entón recuperei esa luz e esas sombras que rodean a todo amor, especialmente cando é un amor resucitado, completamente resucitado. Durante tres ou catro meses cheguei a escribir 27 poemas, apenas retocados, sobre o amor, en xeral ou en concreto, por persoas, para a beleza, pola estética, pola vida».

Fracaso, paixón e amor

«Fun fracasado por non conseguir levar a cabo un desexo ou unha paixón, en realidade, era un amor sen dor sen sufrimento, podía amar e ser amado sen outras circunstancias. Dentro de todo iso, foise misturando toda unha serie de sucesos, ao longo de tantos anos; froito moitas veces dunha obsesión, dun erro cometido, por amor, quizais, pero malentendido, empecei a escribir poemas de amor, poemas de amor, adicados a un, adicados a outro».

Morte asumida

«Toda esta actitude miña, nova ante a vida, coa morte xa asumida como parte desa vida, porque como unha vez dicía un escritor alemán, Martin Balser, que esencialmente había catro artes: primeiro está a música, logo a poesía, a pintura e, como orixe e culminación de todas elas, a cuarta arte, a dor. E a dor pode surxir de moitos xeitos».