Á cerimonia asistiu só a familia e un pequeno grupo de amigos, encabezados por Fernández del Riego O sol do mediodía puxo un pouco de calor. A comitiva botou a andar polos camiños do cemiterio de Feáns, na Coruña. Herba verde, flores, cipreses, paxaros ao lonxe, unha das mil primaveras de Cunqueiro despedía a un home, que sen ter nacido en Galicia, fixo desta terra a súa patria. O cadaleito de Marino Dónega marchaba cara o crematorio. Detrás, o seu fillo Fernando (de gran parecido físico ó pai), familiares e un pequeno grupo de amigos encabezados por Francisco Fernández del Riego.
02 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A familia de Marino Dónega Rozas (Huelva, 1916), que morreu o pasado domingo na Coruña, despois dunha longa enfermidade, non anunciou a hora do seu enterramento nin recibiu dó, pero os máis achegados asistiron onte a incineración no cemiterio coruñés de Feáns. Ademais, durante todo o día de onte seguiron as mostras de dor pola perda deste, entre outras cousas, membro da Real Academia Galega, da Fundación Penzol de Vigo e do Consello da Cultura Galega. Xa cerca da noitiña, a igrexa de Santa Lucía, na Coruña, encheuse de amigos e coñecidos de Marino Dónega para asistir ó funeral, unha cerimonia que foi oficiada en galego e á que asistiron máis de cincocentas persoas. Entre os asistentes estaban boa parte dos membros da Real Academia Galega, incluída a última autora que foi nomeada e que aínda non tomou posesión da súa cadeira, Xohana Torres. Quen non puido asistir a ningún dos actos celebrados no día de onte foi un dos bos amigos e compañeiro en varias iniciativas de Marino Dónega como é Domingo García-Sabell, aínda que no seu nome estivo presente no funeral a súa muller.