XOSÉ DÍAZ
16 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Hai algúns días o Consello da Cultura Galega organizou unhas interesantes xornadas para reflexionar sobre o papel actual dos Centros de Arte Contemporánea a dez anos vista da posta en marcha destas institucións. Supoño que ademais do aniversario había outro motivo para tal celebración: que de aquí a uns meses Galicia contará con dous novos centros deste tipo, que sumados ó CGAC de Santiago, debuxarán un prometedor panorama cultural no campo das artes plásticas. Un destes futuros centros, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, está poñéndoo en marcha o Concello desa cidade. O outro, que faría o terceiro, está materializándoo o Concello da Coruña. Trátase da Fundación Luis Seoane, que xurde como prolongación da obra do artista. Lembro todo isto porque agora que ímos ter unha magnífica infraestructura para a creación, a reflexión, e a divulgación da arte, creo de xustiza recordar que foi o propio Luis Seoane quen primeiro prantexou a necesidade de crear un centro así. No anteproxecto do Museo Carlos Maside, que Seoane redacta en setembro de 1970, define con precisión as súas funcións como centro de arte, cando escribe que a nova institución deberá mostrar o inconformismo e a inquedanza do presente, sendo «máis que un museo, un centro cultural vivo no que se desenvolvan actividades útiles para o espallamento da arte contemporánea (...) que lle sirvan ó home para vivir novas experiencias e o complete na súa integridade». Outra vez máis Seoane anticipábase ó futuro e imaxinaba, hai máis de trinta anos, un Centro de Arte Contemporánea tal e como os que se están a facer hoxe.