A primeira deputada que ten Coirós defende os servizos que se prestan dende as administracións provinciais
09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Yolanda Valiño Pena (1976, Coirós) é a primeira deputada que representa ao seu concello na Deputación provincial. Mestra de formación, exerce de administrativa nunha empresa familiar ligada ao sector da cristalería.
—Cando comezou a militar no PP?
—Empecei a ser concelleira en 2007. Naquel momento, veu falar comigo quen era tenente de alcalde, Sánchez, un veciño moi coñecido, e a verdade é que me apetecía colaborar, saber como funcionaba o ámbito municipal. Ao fin e ao cabo, vivín e sempre estiven en Coirós, e era unha maneira de poder tamén aportar. E, despois, unha vez que comecei e vin que estaba rodeada de xente que de verdade estaba preocupada por traballar polo Concello, sentinme moi ben. Encaixei estupendamente.
—Que valora destes anos?
—Moitas cousas. Eu lembro como era o meu concello cando era pequena, cando non tiñamos practicamente nada e non había actividades. Só había unha escola unitaria daquela. Non tiñamos nada que se parecese a uns servizos sociais. A verdade é que conseguimos moitas cousas. Aínda que somos unha aldea, temos cuberto o 95 % do concello en canto a canalización de auga e sumidoiros. É bastante importante; hai cidades e pobos máis grandes que están lonxe de alcanzar esa cifra. Para o alcalde, Francisco Quintela, os servizos básicos eran fundamentais. Pelexouse moito. Agora temos a Galiña Azul, unha escola infantil de 3 a 6 anos, que se fixo en 2021. Trouxemos o primeiro Centro de Información á Muller; foi un dos primeiros. E iso para min é importantísimo, porque hai tantas mulleres que necesitan deste servizo. A verdade é que, para ser un concello pequeno, ser pioneiros nese ámbito tamén é algo que para min é un orgullo. Xa estaba antes de que eu entrara. Ademais, temos o polígono industrial, que cada vez está medrando máis, e é unha maneira de conseguir asentar a poboación, porque xera traballo.
—Como é o seu ascenso a deputada?
—Ao noso alcalde ofrecéronllo xa moitas veces e non quixo, e esta vez preferiu delegar. Para min, é un orgullo que pensara en min para ser a primeira deputada provincial de Coirós. Deume este voto de confianza. Agradézollo porque é unha experiencia nova.
—Como ve o seu novo cargo?
—As deputacións provinciais son moi controvertidas para moita xente, pero para min son moi importantes, sobre todo porque veño dun concello pequeno. E nos municipios pequenos dependemos moito da Deputación; dános uns servizos que para nós son imprescindibles.
—Tocou xa algún proxecto de Coirós?
—De Coirós, concretamente, aínda non. Estas cousas levan moito tempo; hai que facer informes técnicos, pero temos algúns pendentes. Nós, sobre todo, precisamos que sexan un pouco máis áxiles á hora de limpar as estradas que lles corresponden. Sempre temos queixas polo estado das estradas e das sendas que pertencen á Deputación: sempre van un pouco tarde co mantemento. Temos que intentar que iso se solucione canto antes ou, senón, lograr que nos proporcionen os medios necesarios para poder resolvelo nós mesmos.