O BNG de Coirós demanda a catalogación, protección e conservación do patrimonio cultural ligado á auga
COIRÓS
Reivindican a súa limpeza para que as novas xeracións coñezan «unha parte esencial da nosa cultura e da nosa identidade»
14 nov 2025 . Actualizado a las 13:41 h.O BNG insiste nas súas demandas dun plan integral para limpar, sinalizar, protexer e poñer en valor o patrimonio cultural ligado á auga existente no concello de Coirós, que xa ten levaco coma emendas aos orzamentos municipais e mediante mocións debatidas en diferentes sesións plenarias.
«Entre este patrimonio atópase, por poñer un exemplo, a Fonte do Ferrollo, no lugar do mesmo nome en Queirís. Trátase dunha construción singular que consta dun pozo que se anega nas épocas de choiva e verte a un lavadoiro anexo. Esta estrutura ficou case soterrada coa construción do desvío da N-6 a mediados dos anos 80», indica o concelleiro Pablo Bugía, que lembra que «a pesar diso, a veciñanza da zona demanda cada ano a limpeza do camiño de acceso, polo valor histórico e patrimonial que ten«. «Na actualidade, o espazo atópase moi deteriorado e o camiño é de difícil tránsito, incluso para persoas sen impedimentos físicos», cuestiona.
Ante as obras realizadas recentemente en tres lavadoiros, os nacionalistas fixeron unha valoración positiva desta iniciativa, mais considerárona pouco ambiciosa xa que as intervencións limitáronse a substituír a cuberta dos lavadoiros. Para Bugía, o Concello debe «dispoñer dun inventario municipal actualizado que recolla todos os bens existentes, xunto cun estudo da súa situación e un plan ordenado e por fases para mellorar a súa conservación, protección e posta en valor».
«Sen dúbida existe un interese social e patrimonial para que estes bens se manteñan e se coiden. Desde a Administración local temos a responsabilidade de atender esta demanda, por respecto ás persoas que os construíron, por aquelas que os coidan aínda hoxe e polas xeracións futuras, para que coñezan unha parte esencial da nosa cultura e da nosa identidade», recalca Pablo Bugía.
Lembran tamén desde o BNG de Coirós que «a lexislación vixente obriga aos concellos a manter actualizado o inventario dos seus bens, dereitos e accións. Este inventario debe recoller tamén os bens culturais e etnográficos de titularidade municipal, como fontes e lavadoiros, polo que é necesario dar cumprimento a esta obriga legal e garantir a súa actualización efectiva».
«É urxente que o goberno municipal aposte por poñer en valor o noso patrimonio máis aló de actuacións puntuais sen planificación nin continuidade. Son moitas as fontes e lavadoiros dispersos pola nosa pequena xeografía e algúns, como a Fonte do Ferrollo, cunhas características únicas», apunta Bugía.
Por todo isto o grupo nacionalista en Coirós defenderá no vindeiro pleno inventariar todas as fontes e lavadoiros do termo municipal de Coirós e incluír estes elementos no catálogo municipal de bens patrimoniais, dando cumprimento á lexislación vixente. Será preciso tamén elaborar un plan de limpeza urxente para eliminar a vexetación e restaurar o funcionamento das canalizacións afectadas, así como controlar o estado da auga para poder adoptar as medidas necesarias para mellorar a súa calidade, consideran.
Os nacionalistas tamén urxen redactar e desenvolver un plan de recuperación, conservación e sinalización das fontes e lavadoiros, «co obxectivo de poñer en valor este patrimonio vinculado á memoria colectiva e ao traballo das mulleres».