Desvelar a luz

RAMÓN NICOLÁS

CARRAL

CARMELA QUEIJEIRO

Hai poucas semanas, «Soño e vértice», de Eva Veiga, recibiu o Premio da Crítica española na súa modalidade de poesía en galego

19 may 2017 . Actualizado a las 05:20 h.

Soño e vértice foi, aínda é, un libro afortunado. Encerra unha proposta lírica que entendo acaída para quen guste dunha poesía gobernada pola estratexia de concibir a lectura como un acto participativo e activo, esa poesía que constrúe un espazo solidamente alicerzado ao que cómpre volver con vagar, léase reler, para apreciar dimensións que, talvez, nun primeiro encontro non se advertisen. Por outro lado, pero non menos relevante, o libro xa resultara galardoado co premio de Poesía Concello de Carral e, aínda hai poucas semanas, recibiu o Premio da Crítica española na súa modalidade de poesía en galego mercé á decisión adoptada polos membros da Asociación Galega da Crítica.

Teño para min que a longa e fértil traxectoria poética de Eva Veiga se arrequece substantivamente con esta proposta. Cuestiónase nela, desde a raíz, ese formarmos parte da propia condición humana e faise a través da esculca dupla: velaí o territorio da realidade, onde xorde a boca do tigre e a dor, onde se materializa o corpo e se atrapa a vida cotiá para desvelar a luz que se persegue; velaí tamén esoutro espazo que se estende polo onírico, polo máis invisible, enigmático ou insondable como é a morte ou mesmo o tránsito do tempo, todo percibido e asediado con imaxes de gran forza expresiva. Para explorar estes lugares Veiga adopta unha marcada preferencia pola clave simbólica que afonda nos límites da linguaxe, consciente do estreita que pode ser ás veces «a porta do alfabeto», a cabalo entre o poema nu, esencializado e brevísimo, e outros textos de filiación máis narrativa.

Hai poucos días a autora manifestáballe nestas páxinas a Rodri García que a poesía -«ese lugar de difícil acceso»- tiña a capacidade de soñar e resultaba operativa para proxectarse no futuro desde un presente. Dou fe da verdade das afirmacións tan necesarias: animo a coñecelas a través desta palabra que se exhibe en Soño e vértice, sempre exacta e certeira, sempre suxestiva e emocionante.