Manuel Rodríguez: «A identidade de Carral é o pan... e o Panteón, pero non se come»

Á. M. Castiñeira A CORUÑA

CARRAL

Panadeiros e Concello preparan para os días 12 e 13 deste mes a festa dedicada ao produto estrela da localidade

17 ago 2020 . Actualizado a las 09:55 h.

A Manuel Rodríguez o oficio ensináronllo os seus pais, lévao «no sangue». Do seu negocio saen todos os días quilos e quilos de bolos, bolas e barras. Agora, como presidente da Asociación de Panadeiros de Carral, tócalle traballar na décima Festa do Pan, que organizan a medias co Concello e que se celebrará os días 12 e 13 deste mes. Ademais de defender a calidade do seu produto -«queremos a denominación de orixe, que a merecemos tanto coma os que xa a teñen», reclama-, recorda que ningún municipio do tamaño do carralés ten tantas panaderías nin produce semellante cantidade.

-Pero seguro que tanto pan só en Carral non se come.

-A produción para aquí é só unha parte pequena.

-É máis para «exportar»...

-Si, vendemos moito máis para fóra. Nós imos á Coruña, andamos os concellos máis próximos, coma Cambre ou Culleredo, e chegamos ata cerca de Arteixo. Outros van cara a Ordes... Eu calculo que o pan de Carral anda máis de cincuenta quilómetros á redonda todos os días. Pero hai quen chega incluso á provincia de León.

-¿Cal o segredo do éxito? ¿Qué ten o seu pan de especial?

-Se non tivera algo especial sería un pan calquera e non habería tantas panaderías. As antigas panadeiras tiñan unha forma de facelo que non había en outros lados, e herdouse esa forma.

-Non foi cousa de coller sona e botar a durmir.

-Se fas iso, cos anos acabas por espertar. Os mundos cambian, e nós o que facemos é ir a cousas máis modernas, pero coa mesma raíz de antes. O produto fabricámolo da mesma maneira que o facía a miña tataravoa.

-E agora a Festa do Pan é case xa tan representativa coma a dedicada aos Mártires, ¿non?

-É que a identidade de Carral é o pan. O panteón dos Mártires tamén, pero o Panteón non se come. Sen dúbida, o pan é o que lle da sona ao pobo. Pasoume un caso en Madrid, no Ifema, cun panadeiro francés que me dicía que oíra falar máis de Carral que da Coruña.

-¿Que teñen programado para a celebración deste ano?

-Máis ou menos coa mesma fórmula. Volveremos ofrecer o bocadillo quente, que facemos coa nosa bola. Cortámola polo medio e poñémola a quentar nunhas pranchas que xa fixemos para iso, e despois botámoslle aceite de oliva virxe e tomate natural que trituramos nós. E xamón do bo, que vai nun pan de moita calidade...

-¿E os obradoiros para os nenos, que tanto éxito tiveron?

-Claro, claro. Volverá habelos. Se non fora polos obradoiros dos nenos, ao mellor a festa xa non tería tanto bum. Eu só sei que empezo ás dez da mañá e dan as dez da noite e ás veces seguimos amasando e os nenos seguen facendo pan. Non damos feito.

-Ou sexa, que queren facer unha canteira coma a do Barça, aínda que o alcalde se chame Mouriño...

-Pois si, aquí tamén temos un Mouriño, pero este ten aí uns muíños -di entre risas-. Pero bueno, máis que facer canteira, todo isto facémolo para promocionar o pan e Carral. Tiramos por aí porque vimos que era unha cousa que ilusionaba moito aos pais que viñan cos seus nenos. Agora están encantados. É un bo aliciente para atraer á xente. Incluso nos piden en outros concellos dos arredores que fagamos estes obradoiros.

-Imaxine: invítano a comer e póñenlle na mesa pan de Cea...

-Home, eu non vou dicir nada. O noso pan e o de Cea non teñen nada que ver. É unha cousa totalmente distinta. Eles apostan moito polo tempo de duración, pero hoxe en día non me parece tan relevante, porque cócese pan pola mañá e pódese volver facer pola tarde. Respecto moito o pan de Cea pola tradición, e respecto o meu porque ten unha tradición tan longa ou máis. Rodríguez, tras as barras que saen do forno da súa panadería a primeira hora da mañá.