A Biblioteca Central xa é unha realidade

E. C. A CORUÑA

CAMBRE

Con máis de 500 metros cadrados, a instalación cumpre unha vella reivindicación coa veciñanza cambresa

12 oct 2020 . Actualizado a las 17:35 h.

Un espazo aberto, diáfano e que aspira a converterse nun punto de encontro interxeracional. Así é a nova Biblioteca Central do Concello de Cambre, que acaba de abrir as súas portas. As novas instalacións, de máis de 500 metros cadrados, contan con espazo para adultos e para nenos e nenas, así como con zona de baños, área de despacho e administrativa. A dependencia utilizarase como punto de consulta bibliográfica e de estudo e servirá, ademais, para realizar actividades infantís, obradoiros, proxeccións, charlas, etc.

Na súa inauguración, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, agradeceu «o apoio incondicional da Deputación da Coruña a estas actuacións e, de seguro, a outras que virán nun futuro próximo». García Patiño incidiu en que a apertura da Biblioteca Central cumpre «cunha demanda histórica dos veciños e veciñas do municipio». «Máis aínda atendendo á cifra de usuarios e usuarias que facían uso das antigas instalacións», explicou o alcalde.

Tamén estivo na inauguración o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen expresou a súa satisfacción porque «a ansiada Biblioteca Central de Cambre sexa por fin unha realidade» e sostivo que «é unha bo exemplo da utilidade do Plan Único para os concellos, que contribúe a reactivar a economía e a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando que sexan os propios concellos os que establezan as súas prioridades e necesidades: neste caso coa construción da Casa da Cultura e a Biblioteca, unha antiga demanda de Cambre que hoxe se fai realidade», apuntou o presidente, que lembrou que o Plan Único financia este ano a execución de 320 obras nos 93 concellos da provincia con máis de 66 millóns de euros de orzamento.

O evento contou, ademais, cunha pequena representación do persoal municipal e da antiga bibliotecaria de Cambre, Ángeles Roca, para quen boa parte da corporación e entidades sociais solicitaron que se lle dedique esta instalación dándolle o seu nome.

Cita previa

A nova Biblioteca Central está aberta ao público desde o 30 de setembro. Con todo, atendendo ao protocolo elaborado polo Concello, os veciños e veciñas terán que solicitar cita previa a través do teléfono 981 67 51 09.

O Concello conclúe así a primeira parte dun proxecto que continuará coa construción do futuro salón de actos, albergado no mesmo edificio. Ambas instalacións completarán a Casa da Cultura de Cambre.