Ángeles Roca: «Nos oitenta a xente pensaba que na biblioteca había que pagar os libros»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / A VOZ

ELLAS

EDUARDO PEREZ

Os clubs de lectura e 17 exconcelleiros propoñen bautizar co seu nome o novo recinto

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángeles Roca (Cambre, 1955) sempre leva un libro con ela. A antiga bibliotecaria de Cambre fai igual que o Moucho Leroucho, a mascota que conectou a milleiros de cambreses coa paixón polas letras. Todos os rapaces da vila coñecen ó animaliño polo que recibiu o Premio Nacional de Animación á Lectura. Agora, xa xubilada, fai repaso de toda unha vida dedicada ao papel e asiste, abafada, as diversas peticións para que a nova biblioteca de Cambre leve o seu nome.

-Que di a primeira páxina da súa vida laboral?

-Que cando empecei a traballar, en Cambre, non se sabía o que era unha biblioteca. Lembro que nos oitenta a xente pensaba que había que pagar os libros.

-E, pouco a pouco, foise convertendo nun punto de encontro.

-Si, a biblioteca era un centro xuvenil de lectura, un lugar para facer os deberes, consultar a enciclopedia para o traballo de clase, reunirse cos amigos... Era o centro de dinamización.

-Como dinamizaban daquela?

-E que non había nin cine, nin sala de festas, nin centro xuvenil. Cantidade de mozos ían á biblioteca, onde había unha tele con películas, xogaban ao xadrez, ás cartas... E mozeaban [Ri].

-Agora temos asumido que as bibliotecas son moito máis que contedores de libros. O difícil era velo cando vostede empezou.

-Pois a biblioteca de Cambre adiantouse ao concepto actual. Cando empecei xa era un centro aberto á cultura e participativo.

-Que é hoxe unha biblioteca?

-O centro da cultura activa dun pobo; un lugar inclusivo, accesible e multicultural.

-E que non debe ser?

-Un lugar estático, porque as bibliotecas teñen que dinamizar.

-Volvamos de novo a vista atrás. De que se sinte máis orgullosa?

-Do Moucho Leroucho, porque foi un espectacular dinamizador do libro e a lectura. Nunca pensei que acabaría formando parte da vida de tantos cambreses. Algúns xa son pais agora!

-Como se lle ocorreu?

-Barallei moitos animais, esquíos, ratos... Pero o moucho podía pasar as noites lendo nas bibliotecas de Cambre e, polo día, contarlle aos nenos os contos. Como non descansaba, quedábase durmido e os nenos gritábanlle: «Moucho Leroucho, Moucho Leroucho…!».

-Tivo premios nacionais.

-E mantívose cos gobernos de tres alcaldes e sete concelleiros de distintas ideoloxías. Iso é o bonito, cando a cultura consigue estar por riba das cores políticas.

-Gustaríalle que a nova Biblioteca Central levase o seu nome?

-Estou moi agradecida polo cariño que recibín por todas estas iniciativas. Chorei de emoción cando souben que os clubs de lectura solicitaran que leve o meu nome. Non podo pedir máis!

Quen é: Directora das bibliotecas de Cambre durante catro decenios (dende 1984 ata 2020), xubilouse o pasado marzo.

Cómo é: «Perseverante, humilde, dilixente e moi profesional», así a describen os seus. Foi a peza fundamental no proceso de creación da actual rede de bibliotecas de Cambre.

«Se comezan contándoche historias, entón acabas léndoas»

Tras toda unha vida rodeada de libros, ten un falar pausado. Será que ler relaxa.

-Como se fixo bibliotecaria?

-Ao rematar Xeografía e Historia fixen un curso sobre bibliotecas públicas con Miguel González Garcés, que era un sabio. Naquel momento el xa vía as perspectivas da biblioteca pública e comecei a meter neste mundo.

-Foi unha nena lectora?

-Gustábame ler, pero o acceso ao libro na miña época… Caperucita, Blancanieves e así. Un libro que me gustaba moitísimo era Mariuca la castañera. Acababa sempre chorando!

-Que engancha máis? Ler ou contar contos?

-Que che conten contos é moi importante.

-Tanto como lelos?

-Se comezan contándoche historias, entón ti acabas léndoas.

-En Cambre fixeron unha grande labor co Moucho.

-E acompañando ao Moucho (Daniel Pernas) estivo tamén Paula Carballeira, que é unha grandísima contadora.

-Os textos de Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Manuel Rivas dan a benvida ao usuario da nova Biblioteca Central, en Cambre. Tres grandes.

-Grandísimos! Nos oitenta a literatura infantil e xuvenil estaba nacendo e eu afaneime sempre moito na selección desta parte. Ademais dos autores que xa citou, estaban Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire, Paco Martín, Gloria Sánchez, Concha Blanco... Todo iso empezou cando se abriu a biblioteca en 84!

-Tamén levantou o Abril Ilustrado para iniciar a rapaces de 3.º da ESO no mundo da ilustración. Fixo moitas cousas!

-Si, e polo certame de pintura pasaron artistas de todo tipo, Juan Genovés, Lucio Muñoz, Antonio López...