Manuel Antonio racha cos presupostos tradicionais e modernistas e vai cara ó creacionismo
29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Estamos no centenario do manifesto rupturista das vangardas galegas, asinado en 1922 por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, manifesto polémico aínda hoxe. A reedición facsímile vén acompañada dun bo estudo de Xosé Mª Dobarro, Xesús Torres Regueiro e Ernesto Vázquez Souza, reedición da publicación feita en 2000 pola A. C. Eira Vella de Betanzos, cando o centenario do nacemento de Manuel Antonio.
O estudo contextualiza o manifesto nas diverxencias no nacionalismo galego, amosa o papel de Antón Villar Ponte, os apoios epistolares de Castealo e Taibo, mais tamén a reacción negativa dos críticos da época —Carré, Lesta Meis, E. Montes, Risco, A Nosa Terra—, co mérito de reproducir esas recensións, das cales as máis interesantes son as de Eugenio Montes, figura capital das vangardas galega e española. Vai sendo urxente unha reedición da súa obra galega, da que non dispoñemos dende 1982 e aínda está incompleta.
Manuel Antonio foi máis alá do que agardaban os que, dalgún xeito, o incitaron a publicar o manifesto, é dicir, Risco e Montes, que querían anovar a literatura galega sen derrubar o débil sistema literario que había nesa altura; o límite, sinalan na introdución, é a Estética da muiñeira, de Montes. Dende o manifesto de 1922, Manuel Antonio racha cos presupostos tradicionais e modernistas e vai cara ó creacionismo, con elementos futuristas e ultraístas, mais cun ton persoal e profundo. Nese creacionismo está á par de Gerardo Diego, Salvat-Papasseit e Huidobro.