Reflexión de fin de curso

Xosé Manuel Montero DIRECTOR DO IES FRANCISCO AGUIAR DE BETANZOS

BETANZOS

Co remate dun novo curso no Instituto Francisco Aguiar, un curso de resultados especialmente satisfactorios para este centro e exitosos para o seu alumnado, véñenme á memoria aquelas amables palabras que hai xa uns cantos anos no s dedicara o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, cando escribiu que «algúns colegas teñen a sorte de traballaren en Centros onde a tradición e o ámbito interno son un estímulo, unha incitación para todos aqueles que, cada un ao seu xeito, queren, con paixón, ensinar a aprender. Non me trabuco se entre eses Centros menciono o Instituto de Bacharelato Francisco Aguiar, denominación que compromete non pouco, pois don Francisco Aguiar tivo, no século XVII, a paixón polas institucións docentes».

Cando, con esa mesma paixón e toda a ilusión propia da xuventude, nun lonxano mes de setembro de 1983 chegaba eu a Betanzos para, recén gañadas as oposicións, incorporarme á plantilla de profesores do Francisco Aguiar, non era consciente aínda do moito que este Instituto significaba para Betanzos e para todos cantos nel estudaron desde que fora inaugurado a comezos dos anos 50, nunha época na que os poucos Institutos existentes en Galicia facían que o acceso ao bacharelato estivese unicamente ao alcance dun sector minoritario da poboación.

Tardei pouco en comprobar que o Francisco Aguiar non era un centro educativo máis, senón que representaba tamén un dos sinais de identidade de Betanzos e un punto de referencia fundamental e entrañable para os betanceiros. Un Instituto que quixo e soubo manter desde os seus comezos a vocación e a inquietude de singularizarse e de prestar un servizo educativo nas mellores condicións de calidade aos alumnos, ás súas familias e á comunidade na que está integrado. Os excelentes resultados que sistematicamente o Francisco Aguiar acada nas Probas de Acceso á Universidade, a frecuente obtención de premios por parte dos seus alumnos, a extensa e variada oferta de actividades de todo tipo que se programa cada curso ou os habituais intercambios e viaxes culturais a distintos países que anualmente se organizan non son máis que unha pequena mostra da vitalidade e dinamismo que continúa caracterizando a este centro, ao seu alumnado e ao seu profesorado.

Un Instituto que tamén se enche lexitimamente de satisfacción ao comprobar como tantos alumnos saídos das súas aulas teñen ocupado e ocupan na actualidade postos relevantes nos distintos ámbitos da sociedade. Ilustres profesores de Universidades españolas e estranxeiras, directivos de importantes empresas, destacados representantes políticos, coñecidos artistas, acreditados músicos, célebres deseñadores ou exitosos deportistas formáronse nas aulas do Francisco Aguiar e conservan agarimosas lembranzas do Instituto e dos que foron os seus profesores.

Sen dúbida, eu son un deses profesores con sorte aos que se refería Alonso Montero. E hoxe, despois de máis de tres décadas exercendo a docencia no Instituto Francisco Aguiar, sen que nin o paso do tempo nin as turbulencias que de cando en vez sacoden o mundo da educación fosen quen de facerme perder un ápice daquela ilusión xuvenil, sigo sentíndome afortunado e orgulloso do meu Instituto, orgulloso da dedicación e o compromiso dos meus compañeiros, orgulloso da actitude esforzada e participativa do alumnado e orgulloso, en fin, de que o Francisco Aguiar non deixe de manter ese carácter de referente cultural e educativo que sempre o distinguiu.