No seu novo tema afonda nunha historia con moita dor que lle tocou coñecer de primeira man
21 jul 2025 . Actualizado a las 08:32 h.Naceu practicamente coa pandeireta pegada á man e durante décadas levou por medio mundo a música tradicional galega. Tras unha carreira vinculada a Xiradela e despois de múltiples colaboracións con outros artistas, Fransy González (Grenoble, Francia, 1972) estreou un proxecto persoal, Manhe. Aos temas Media leghua de camiño e Nin no mundo nin na terra séguelle agora Pequeniña, un cantar melancólico de fondo significado.
—Que vai encontrar o público neste novo tema?
—Unha versión de min diferente para a xente que me viña coñecendo. Representa a miña parte máis íntima, unha interpretación moi persoal.
—Como foi a experiencia de rodar o videoclip?
—Incrible. Foi toda unha aventura e un momento de moito desfrute. O equipo involucrouse ao máximo, saíu rodado. Son afortunada por estar tan ben acompañada. Pequeniña está baseada nunha historia real, unha historia triste, con moita dor, que me tocou coñecer de primeira man. É un videoclip cinematográfico, cunha imaxe coidada, unha atmosfera mitolóxica… Nesta peza hai moitos mundos nun so, está o baleiro, a forza das mulleres, o paso do tempo, o refuxio, os coidados, as mouras, un espazo onírico…
—«Manhe» lanzouse en febreiro. Como acolleu o público o traballo?
—Moi ben. Estou contenta. Manhe representa o achegamento á música de raíz, que eu levo dentro.
—Que foi a que a levou a emprender este proxecto persoal? Por que agora?
—Era unha idea que me levaba roldando na cabeza hai tempo. Empecei no ano 2001 a colaborar en proxectos doutros artistas, como solista. E agora sinto que chegou o momento de dar este paso, despois de maduralo, e as circunstancias persoais e de vida permítenme facelo.
—Que significa para vostede a nivel persoal e artístico?
—É unha faceta que me faltaba por explorar. E despois de tantos anos recompilando e transmitindo a nosa música, quería compartila e expresarme eu. Significa un momento moi importante na miña vida.
—Que hai de Fransy González neste proxecto?
—Hai todo, un corazón a peito descuberto.
—É cantareira, mestra de pandeireta e tamén de canto tradicional. Canta responsabilidade sinte á hora de transmitir un legado cultural?
—A responsabilidade é moi grande. Cando comecei coas recollidas a mediados dos anos oitenta, todo o que aprendín e percibín representa un piar do meu traballo. Este legado cultural transcende máis alá de melodías e toques de pandeireta. É unha forma de vivir, de sentir esa pertenza a un pobo.
—Cre que a música galega está no sitio que merece ou queda camiño por andar?.
—Avanzouse. Houbo unha evolución. Pero tamén queda camiño por andar.
—Formacións novas como Tanxugueiras, De Ninghures, Baiuca... están fusionando a música tradicional con sons electrónicos e ritmos urbanos. Estase a chegar así a un público máis amplo?
—Estas formacións son un camiño para levar a mocidade á tradición, a que se cadra doutro xeito non se achegarían. Na música galega hai cabida para todos.