Sisalde

A terceira edición da romería reivindica a actividade dos muíños da zona


No primeiro sábado de setembro celebrouse na fraga de Sisalde, en Barrañán (Arteixo), a terceira edición dunha romaría popular con pinta de poder chegar a ser unha das festas populares máis importantes da comarca coruñesa, montada na contorna dunha pequena fraga que bordea as beiras do río Sisalde, con todas as características propias dun bosque atlántico (carballo, salgueiros, castiñeiros…). O río Sisalde transcorre polo val de Armentón ata a súa desembocadura na praia de Barrañán. Ao longo do seu traxecto están construídos unha serie de muíños de auga nos que noutrora había unha importante actividade. Aqueles antigos muíños aínda sobreviven; algúns incluso están restaurados, mais carecen de actividade a día de hoxe. Aínda así, algúns deles póñense a funcionar durante a romaría para que a xente, en xeral, e os máis cativos, en particular, gocen de entender como funcionaban eses ancestrais mecanismos tan importantes ata non hai tanto tempo. Na intensa actividade social dos muíños dise que puido nacer a nosa danza máis representativa: a muiñeira. E a verdade é que se nos paramos a escoitar o repenique da moa dun muíño moendo o gran pode parecer perfectamente o ritmo 6/8 da típica danza. Polo tanto, a combinación que se dá na contorna semella perfecta. Unha fermosa fraga a carón do Atlántico acubillando as beiras dun río inzado de muíños, en perfecta harmonía co balbordo xerado pola xente na romaría coas súas diferentes actividades, co aderezo das músicas tradicionais que soan dende a mañá para dar paso á tardiña a un magnífico festival de música folk que remata xustamente na media noite. Un auténtico luxo que debe casar tamén co respecto da xente ao valor ecolóxico do lugar para manter todo exactamente igual que como estaba ao chegar. Isto valoriza unha xuntanza destas características nun lugar tan emblemático e importante do concello de Arteixo. Un auténtico privilexio a manter nos tempos que corren, que, por veces, e neste tipo de romarías, semellan dexenerar tanto.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Sisalde