Similutudes entre a venda do Hospital Militar e a da Solana


Hai unha similitude entre a situación en decembro de 1993 -o Ministerio de Defensa anunciaba o peche do Hospital Militar e que estaba en venda- e a que estamos a vivir hoxe polo anuncio da Autoridade Portuaria, é dicir, o Ministerio de Fomento, de convocar unha poxa pública para vender La Solana e o Hotel Finisterre.

En 1993 o PSOE gobernaba na Coruña e tamén en Madrid. Formei parte da Comisión Cidadá para a Defensa do Hospital Militar que convocou numerosas actividades de información e sensibilización, que culminaron cunha manifestación o 27 de xullo de 1995 na que participaron 15.000 persoas. O Hospital puido acabar en mans privadas, pero foi traspasado ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Daquela, Defensa defendía a venda polas súas necesidades orzamentarias, exactamente o mesmo argumento que utiliza agora Fomento para vender La Solana: facer fronte á débeda de 300 millóns pola construción do porto exterior de punta Langosteira.

Dobre discurso

Mais cambiaron os gobernos. Cando hai case 25 anos o PSOE quería facer caixa a conta da Coruña, o presidente local do PP, Antonio Couceiro, denunciaba «a falta de sensibilidade de Defensa e do Goberno Central, que plantexa unha negociación en termos mercantilistas e estritamente recadatorios». O PP acusaba ao PSOE de «manter un dobre discurso: aquí aparenta opoñerse ás decisións de Defensa, mentres que en Madrid acata as decisións do Goberno, aínda que prexudiquen os intereses de Galicia».

Hoxe cambiaron as cousas e o PP defende na Coruña unha negociación con Fomento co mesmo afán recadatorio que antes criticaba. Aínda máis, estamos ante unha venda anunciada de La Solana porque xa prepararon esta operación, que só beneficia intereses privados, cando na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) cambiaron en 2013 a cualificación desta parcela de dotacional público a privado, como denunciaba Xosé Manuel Carril, portavoz do Bloque Nacionalista Galego.

Creo que unha inmensa maioría da cidadanía coruñesa comparte hoxe as reivindicacións da Comisión Aberta en Defensa do Común, apoiada por 66 entidades, porque son razoábeis e defenden os intereses da Coruña: suspensión indefinida da poxa; devolución gratuíta de La Solana e do Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027 (é un agravio comparativo que Fomento pretenda ingresar 1,4 millóns de euros por La Solana, cando dedica 5.000 millóns para rescatar as ruinosas autoestradas radiais de Madrid); nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería non se poden edificar sete torres de nove plantas cada unha cunha edificabilidade de 35.000 metros cadrados; o porto exterior é unha obra do Estado e Fomento debe asumir o seu custo e as débedas, como fai no resto dos portos. Finalmente, habería que elaborar un novo convenio entre o concello e o Ministerio de Fomento e facer a correspondente modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Similutudes entre a venda do Hospital Militar e a da Solana