Edificios sen rematar. Tixolo á vista e medianeiras infinitas. Dende que teño memoria, Galicia sempre foi así. Nas periferias da Coruña, en Arteixo. En Carballo e no Carballiño. Na Costa da Morte e na Mariña de Lugo. Nas Rías Baixas e na chaira luguesa. Semella que a arquitectura inconclusa é parte consubstancial á nosa paisaxe. Agora ben: é moi doado botarlle a culpa aos paisanos. Arguméntase que o galego non ten sensibilidade estética, que carece de aprezo pola súa identidade... Eu coido que non debemos simplificar a realidade, porque o paisano non sempre é o (único) culpable. O paisano fai o que pode e, sobre todo, o que lle deixan. Recicla materiais e bótalle imaxinación. O paisano sobrevive cos recursos que ten a man. Cando hai fartura, é moi sinxelo preocuparse pola estética e ler a Kant. Cando se loita día a día cos elementos, o que se agarda é que administración aconselle, asesore e preste axuda.
Non me gusta a palabra feísmo. Aínda que é curta e fácil de lembrar, simplifica arreo a realidade. A escasa planificación, a permisividade, o ti vai facendo e as cautividades da política municipal tiveron a verdadeira culpa. A palabra feísmo coloca a pelota no tellado da xente e absolve aos verdadeiros responsables. É moi difícil pelexar contra os edificios sen rematar e os galpóns de bloques de cemento en realidades locais, onde todo o mundo se coñece, e toma os viños o domingo pola mañá nos mesmos bares. A política municipal é o corpo a corpo, e non se leva ben co rigor sancionador. Sexamos sinceros: o marco municipal está esgotado en moitos eidos. O debate territorial-administrativo leva aberto moito tempo. Son demasiadas alforxas e unha viaxe moi longa para tan cativos resultados ata o momento.