Tonecho Meixide, na adega máis pequena de España: «A vocación non é facer cartos, é ocupar as terras e facerte responsable delas»
ABEGONDO
O investigador do CIAM de Mabegondo, antes mestre en Guísamo, recupera a uva branca lexítima nunha adega dunha hectárea en Bordel
16 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Na curiosa aldea de Bordel, en Sarandóns, Abegondo, atópase a adega máis pequena de España, segundo os seus donos, Tonecho Meixide, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e a súa muller, Lucía Vázquez. Cunha hectárea de viñas e unha produción de 10.000 botellas ao ano, a adega é «un gran de area» que aporta a familia a unha comarca de histórica tradición vitivinícola, rescatada coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) no ano 2000. «Falar de Betanzos é falar do viño. Betanzos ardeu e botaron as barricas polas rúas abaixo para apagar os lumes», ilustra o que foi profesor de fruticultura na escola de Guísamo.
Ligado desde a infancia á terra, a unha casa con poucas vacas e pequenas leiras, Meixide estudou enxeñaría agrícola e traballou na empresa privada, no cultivo da fresa, antes de ingresar na Administración en 1989. Horta, monte, cultivos de piñeiros, castiñeiros e carballos, viticultura, adega. Difícil separar a traxectoria profesional da empresa familiar, enfocada noutros tempos á horta e hoxe centrada no viño. «Hai que irse adaptando. Cada actividade require un esforzo, un traballo físico, unha especialización, unha maquinaria. Na adega es viticultor, adegueiro e tamén hai que facer algo de comercial. Combinar todo son palabras maiores, é moi laborioso», explica do seu compromiso coa recuperación da branca lexítima, unha variedade de uva atlántica (coñecida como albarín en Asturias) que da un viño branco «afroitado, precoz e cun toque moscatelizado, moi aceptado hoxe polo seu frescor e naturalidade», di.
As razóns do declive son mestas. «Betanzos envelleceuse, perdeu moita poboación ligada ao mundo da viticultura, houbo unha ruptura. Os viños, ao mellor, non tiñan os parámetros de calidade desexables. Había os loureiros e tamén foron desaparecendo. Había unha feira e deixouse de facer. Houbo unha introdución de viños de fóra, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra. Arranca Rías Baixas cunha potencialidade brutal. Entón, todo iso deu lugar a que a xente que producía viño en Betanzos quedara fóra de xogo», argumenta o enxeñeiro.
Hoxe son catro as adegas da IPX. O método en Bordel é artesanal na viña e na adega. «A botella pasa 40 veces pola man antes de chegar a un restaurante. Todo é manual, todo son caixiñas, todo é mover de aquí para alá, esa complexidade da atomización, da economía de escala», conta Tonecho Meixide e remata compartindo o que dá sentido a todo o traballo.
«Tes que darlle moito cariño á cousa e poñer moito de vocación. Por facer cartos? Non. Vocación por utilizar as terras, por transmitir ás xeracións vindeiras unha cultura, todo iso que marca estar metido nun mundo, o sector primario, que ten moita importancia medioambiental, na loita contra os incendios, a erosión, etcétera, etcétera. É dicir, ocupar as terras e facerte responsable delas. Se herdas ou compras unhas terras, tes que coidalas».