A Deputación fortalece con 27,9 millóns os servizos sociais na provincia

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O goberno provincial reforza a atención a maiores e colectivos vulnerables

14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Na provincia da Coruña, os servizos sociais convertéronse nunha prioridade. A Deputación destina este ano 27.899.000 euros para garantir unha atención profesional e próxima, apoiando tanto aos concellos como a máis de 240 entidades sociais que cada día traballan para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, das persoas dependentes e dos colectivos máis vulnerables.

Unha das principais liñas de acción da Deputación céntrase nos concellos de menos de 20.000 habitantes, onde a dispersión xeográfica e os recursos económicos e humanos limitados poden dificultar o acceso aos servizos sociais. Este ano, a Deputación destina 9,1 millóns do Plan de Servizos Sociais Comunitarios, o que permite contratar 177 profesionais do ámbito social nos concellos da provincia, garantindo unha atención de proximidade e de calidade.

Ademais, grazas á cofinanciación da Deputación, os concellos ofrecen este ano preto de 380.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, un recurso fundamental para persoas maiores ou con dependencia. «Queremos garantir que a atención ás persoas que máis nos precisan sexa profesional e próxima, incluso nos concellos máis pequenos da provincia», subliña o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destaca o papel fundamental da Deputación no sostemento dos servizos sociais dos municipios. «Nestes dez anos de goberno progresista incrementamos nun 178 % os fondos que a Deputación inviste en políticas sociais, que se converteron nun eixe fundamental da nosa acción política», subliñou.

As entidades sociais son compañeiras imprescindibles nesta acción social. Este ano a Deputación destina 3,7 millóns para apoiar o labor de máis de 240 entidades da provincia.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destaca que as axudas da Deputación permiten financiar unha ampla gama de programas sociais: desde terapias de rehabilitación e atención psicosocial ata prevención e desintoxicación de condutas aditivas, programas de respiro familiar, transporte adaptado a centros de día ou integración laboral, beneficiando a miles de persoas en toda a provincia.

A maiores destas liñas de axudas para investimentos ou actividades das entidades, a Deputación colabora este ano con algunhas iniciativas singulares a través de convenios de colaboración como a mellora da comunidade terapéutica O Confurco da asociación Asfedro en Ferrol (300.000 euros) ou a adquisición das novas sedes de Adaceco en Eirís (300.000 euros) e Aspanaes (261.000 euros).

Un servizo que marcou a diferenza é a Teleasistencia, na que a Deputación inviste 1,26 millóns. Máis de 4.300 persoas maiores da provincia contan co «botonciño da Deputación», que lles garante asistencia inmediata durante as 24 horas, proporcionando seguridade aos usuarios e tranquilidade ás súas familias. Este ano tamén se incrementa o programa de envellecemento activo, que pasa dun investimento de 131.000 a 511.000 euros, e está destinado a combater a soidade non desexada e fomentar a participación social das persoas maiores.

Residencias

Unha das maiores apostas da Deputación no ámbito social é o impulso a un novo modelo de residencias públicas, as Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM). O obxectivo é crear centros máis pequenos, próximos á comunidade, con atención personalizada e integración interxeneracional. Serán máis parecidos a un fogar que a un hospital e terán como obxectivo evitar o desarraigo dos maiores na última etapa da súa vida. O modelo afástase do concepto de institucións pechadas, similares a un hospital, e aproxímase máis a un fogar de convivencia.

«As persoas residentes poderán manter a súa autonomía e conexión coa contorna, evitando o desarraigo e os macrocomplexos masificados», explica Valentín González Formoso. O primeiro centro piloto abrirase nas Pontes, cun investimento de 5,7 millóns, e converterase nun referente deste novo modelo de atención sociosanitaria. A este proxecto seguirán outras dúas CAM previstas en Rianxo e Ordes

As instalacións contarán con tecnoloxías avanzadas, máis persoal por residente, hortas, espazos de interacción comunitaria e a posibilidade de convivir con animais domésticos, promovendo o benestar físico e emocional dos usuarios.