María Blanco: «As disputas polos marcos seguen a ser os preitos máis repetidos»
A CORUÑA
Con 29 anos, imparte xustiza e coordina o Rexistro Civil do municipio de Oza-Cesuras
08 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ela mesma recoñece que non é habitual que unha persoa da súa idade desenvolva o traballo de xuíz de paz. María Blanco (Oza-Cesuras, 1996) é licenciada en Dereito pola UDC, unha carreira que completou cun máster en Avogacía e «cursos varios». «Teño 29 anos e son de Oza dos Ríos de sempre, autóctona cen por cen», reivindica. Comezou a traballar no seu concello como administrativa no 2021, un posto que combina agora co de xuíza de paz e o Rexistro Civil.
—¿Había máis candidaturas?
—Case nunca houbo demanda para este posto. A retribución non é moi atractiva, son poucas horas e non se cotiza. Está ben para quen xa traballa no Concello. Os pagos van en función da poboación, así en Oza-Cesuras supón un abono trimestral de 650 euros. A ninguén de fóra lle atrae unha proposta así, eu en cambio só teño que cambiar de planta dentro do Concello.
—Cal é a casuística que máis se repite no seu xulgado?
—O que máis se repiten son casos de maderistas que cortan nunha finca por erro, problemas de peches, os famosos marcos. E tamén imos tendo algunha conciliación de comunidades de propietarios.
—E no Rexistro Civil?
—O que máis facemos é emitir certificados de nacemento. Estes últimos anos houbo máis demanda pola Lei de Memoria Histórica, especialmente para xente de Arxentina que tramita a nacionalidade. É algo bastante complexo porque só temos documentación desde 1871, de aí para atrás temos que remitilo ao arcebispado. Aquí en Oza-Cesuras xa non quedan arquivos nas igrexas.
—Sendo autóctona, como presume, supoño que na maioría dos preitos coñece ás dúas partes. Resulta incómodo?
—A veces dá rabia máis que nada por eles. Eu traballei nun despacho de avogados e moitas veces coñecía á xente involucrada, pero me pesaba máis por eles que por min. Incluso en ocasións prefería non participar en determinados asuntos. Pero o segredo profesional e a profesionalidade están por riba de todo.
—Oza-Cesuras é un concello tranquilo?
—Si e non. En decembro facemos un resumo sobre o número de conciliacións, exhortos civís, procedementos penais... E o ano pasado tivemos unha media de 80 civís (demandas de débedas, divorcios...), 70 penais e unhas cinco conciliacións.
—Oza-Cesuras tamén ten un peso mediático con dous crimes nos últimos anos, máis outros incidentes.
—Cada vez chega máis xente e medra o volume de traballo. Moitas veces te cruzas con persoas pola rúa que non coñeces, cando antes se coñecía todo o mundo. Fixéronse moitas casas a partir da pandemia. Entón cada vez hai máis casos e máis complexos. Antes acudías ao Rexistro Civil para pedir un certificado de defunción, de matrimonio... Pero agora hai cambios de sexo, moitos matrimonios civís e defuncións, claro, morre moita xente. Os casos complexos lévanse desde Betanzos. Temos un grupo de WhatsApp e nos comunicamos e nos axudamos, tamén desde Sada, estamos moi arroupadas con outros concellos.
—Non é moi común dar con xuízas de paz tan novas.
—Raquel, a secretaria do xulgado de aquí ten 27 anos. No que era antes o Concello de Cesuras tamén houbo mulleres á fronte, pero persoas que podían ser miña nai por idade. En Curtis hai unha señora, creo que en Sobrado tamén, pero dos meus anos non coñezo.
—Cómo están de ferramentas telemáticas?
—Este traballo cada vez é máis complicado. Os medios son escasos, non estamos moi adaptados aos recursos actuais, temos libros que dixitalizar. Desde 1871 ate o 2011 temos todos os documentos en papel, iso dificulta moito o traballo e o maior damnificado é o veciño, porque non podemos conseguir o que piden dándolle a un botón.