O BNG insta á Xunta a destinar vivenda pública en Xuxán, en A Coruña, ao estudantado universitario

T. R. A CORUÑA

A CORUÑA

Imagen de archivo de estudiantes universitarios a las puertas de la Facultad de Economía de la UDC
Imagen de archivo de estudiantes universitarios a las puertas de la Facultad de Economía de la UDC ANGEL MANSO

A formación nacionalista alerta da falta de prazas en residencias e da dificultade de acceder a alugueiros a prezos asumibles

07 oct 2025 . Actualizado a las 12:06 h.

O BNG considera «inexplicable» que A Coruña continúe sen contar cunha residencia universitaria pública dependente da Xunta de Galicia. A deputada nacionalista Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas —entre elas, proposicións non de lei para o Pleno e para Comisión, así como interpelacións e preguntas orais e por escrito— co obxectivo de reclamar solucións a esta carencia. Así, os nacionalistas instan ao Goberno galego a ofertar prazas en residencias públicas mediante a rehabilitación de infraestruturas existentes e a creación doutras novas en terreos da propia administración autonómica. Ademais, propón desenvolver unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer destinada ao estudantado de formación superior, que se constitúa a través da compra, rehabilitación e construción de novos inmobles.

Queixas solicita tamén que a Xunta reserve parte das vivendas que se constrúan nos soares recentemente cedidos polo Concello da Coruña «para as ofertar aos estudantes en réxime de aluguer e a prezos accesibles». Unha desas parcelas está situada en Xuxán, «un barrio de nova construción localizado nunha zona moi próxima ao campus universitario de Elviña, polo que sería moi importante dispor de oferta de vivenda pública de aluguer nesta contorna universitaria», destacou a deputada.

A representante do BNG cualifica de «moi negativa» a ausencia de prazas públicas en residencias universitarias da Xunta na cidade, pois «está a condicionar, cando non impedir, o acceso a estudos profesionais superiores e á formación educativa universitaria que oferta a UDC».

Segundo Queixas, a escalada «abusiva» dos prezos do aluguer e a escasa oferta habitacional, unidas á falta de prazas en residencias públicas, conforman un «contexto de crise extrema» que nega ao estudantado o acceso a unha vivenda digna e, mesmo, á educación superior na cidade. «A Xunta ten competencias exclusivas en materia de vivenda. Tenas que exercer de vez. O seu balance na Coruña desde 2009 é paupérrimo. Cómpre unha mudanza de rumbo e non hai tempo que perder», conclúe Queixas.