Ugia Pedreira é a comisaria dunha xornada sobre arte e saúde no pazo de Mariñán
A CORUÑA
Celébrase o venres 22 en Bergondo e o acceso é de balde, aínda que require inscrición
18 nov 2024 . Actualizado a las 19:58 h.O pazo de Mariñán acollerá este venres a 18.ª edición das xornadas A cultura é un dereito, que organiza a Cultura da Deputación. Baixo o nome Arte e saúde. A música, contará coa participación de Ugía Pedreira como comisaria e relatora. A inscrición está aberta ata mañá. Na xornada abordaranse as actividades culturais e artísticas como medio para promover a saúde, «mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios ao noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida», afirma Pedreira. A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e a Asociación A Memoria é Náufraga colaboran na organización do ciclo.
Participarán especialistas como Antoni Rodríguez Fornells, profesor de Investigación Icrea no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge e na Universidade de Barcelona, o guitarrista e compositor Robert Pier, a pianista Mihaela Duma; o narrador Cristian Terán, o catedrático de Medicina da USC Antonio Salas, a musicoterapeuta e pianista Laura Navarro, e Chefa Alonso, doutora en Performing Arts pola Brunel University, licenciada en Medicina pola USC, saxofonista, compositora, improvisadora e docente.
A xornada está dedicada á relación entre arte e saúde e porá o foco na música como ferramenta social e terapéutica. Inclúe relatorios, un obradoiro de improvisación libre aberto ao público e unha mesa redonda na que Pedreira explicará o proceso creativo de Basal, o seu traballo musical máis recente; Pier, paciente de hemiparesia e outras patoloxías mentais, falará de como integrar a diversidade funcional dentro do ámbito cultural de forma accesíbel; e Duma, diagnosticada de esclerose múltiple, contará a súa experiencia coa enfermidade como testemuña e divulgadora desde os ámbitos da educación o pensamento e a comunicación.
«Conscientes de que a cultura é un dereito, trasnversal ás nosas vidas, promovemos estas xornadas para afondar en outros aspectos da vida cotiá, tan esenciais como a saúde, e que están profundamente ligados coa arte e a cultura en xeral», sinala a deputada de Cultura, Natividade González.
A asistencia á xornada é de balde e o aforo, limitado. A inscrición pode formalizarse dende ata as 16.00 horas do 20 de novembro. O formulario está dispoñible na sección habilitada na web de ‘A cultura é un dereito'.