Presentouse «Oídos de espeleóloga», a obra coa que Ciro Briones gañou en 2023.
31 may 2024 . Actualizado a las 22:25 h.A Casa da Cultura acolleu, este venres, o acto de entrega do XXVII Premio de Poesía Concello de Carral, que foi para a escritora Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980), que conquistou ao xurado con A pel do exilio. No acto presentouse oficialmente Oídos de espeleóloga, a obra coa que Ciro Briones gañou, en2023, a anterior edición.
Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, a escritora e membro do xurado, Inma Otero, o responsable de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, ademais de Silvia Penas Estévez e Ciro Briones. O acto estivo conducido polo técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar aos gañadores e sinalou o compromiso do goberno por seguir apostando por este certame «un dos de maior traxectoria a nivel galego e que segue situando a Carral como un referente neste xénero». Incidiu, ademais, nas boas cifras de participación que acada o concurso carralés edición tras edición, unha afirmación que sustentou no novo récord acadado nesta convocatoria, na que se presentaron 94 obras.
Un ano máis, a poesía e a música volveron estar unidas no acto de entrega. A nota musical chegou ao peche da cita e da man do grupo DOA, conformado por Susana de Lorenzo e Xoán Piñón. Ao remate, o público asistente recibiu, ademais, un exemplar de Oídos de espeleóloga de agasallo.
A obra de Penas Estévez foi elixida, de xeito unánime, polos membros do xurado. O tribunal destacou da peza «a forza da voz poética, que manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes». Así mesmo, púxose en valor o ritmo do traballo, así como a súa «vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria».
Silvia Penas Estévez comezou a súa andadura poética no colectivo Redes Escartala. A autora colleitou varios premios e accésits ao longo da súa traxectoria profesional e, en 2010, publicou o seu primeiro poemario Biografía da multitude (en coautoría con Elvira Riveiro). Penas Estévez escribiu tamén de As uñas crecen, co que conquistou o certame Manuel Lueiro Rey de Poesía. A este séguenlle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Premio de Poesía Avelina Valladares) e Fronteira Paraíso.
O Premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. Ademais da dotación económica, a obra de Penas Estévez pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior.