A Falperra lembra na Coruña a Marilú Villalta, poeta, violinista e incondicional de Bob Dylan

M. Carneiro A CORUÑA

A CORUÑA

CESAR QUIAN

O barrio onde viviu a escritora homenaxeada nas Letras 2024 brinda unha homenaxe íntima diante da súa ventá

17 may 2024 . Actualizado a las 17:19 h.

Un ramo escolleito de veciños da Falperra lembraron este 17 de maio a Luísa Villalta ao pé da ventá do número 6 da rúa Vila de Laxe da Coruña, onde viviu a poeta á que se dedican as Letras Galegas 2024. Diante dese baixo no medio da costa, desde o que se expandían por todo o barrio as notas do violín de Marilú, como lembraron varias veciñas, tivo lugar a ofrenda floral e unha sentida lectura de tres poemas e unha nota biográfica, á que puxo o broche a interpretación do Himno galego a cargo do gaiteiro José Mosquera.

«Con todas as homenaxes que lle están a brindar, nós non podiamos ser menos», apuntou Jaime Suárez, presidente da asociación de veciños, debaixo da placa que hai dez anos colocou a Asociación de Escritores en Lingua Galega. «Nesta casa viviu e soñou Luísa Villalta, aquí as súas mans modelaron a lingua, os sons, o que habita no outro lado da música, na poesía», quedou gravado na pedra.

Na casa que foi da súa avoa e á que se trasladou a familia Villalta, lembran as irmás Marisa e Merchi López a efervescencia da primeira mocidade da escritora, alumna como elas das Josefinas. «Houbo unha época na que coleccionabamos pósteres de cantantes, viñan nas páxinas centrais das revistas e cambiabámolos polos que nos gustaban a cada unha. A ela encantáballe Bob Dylan. Dábache o que quixeses por calquera cousa de Bob Dylan», lembra Marisa. «Era moi reivindicativa. Daquela non o sabías, porque de nena non es consciente de como son as demais, pero anos despois, lendo, deime conta. Tamén lle gustaban Aute e Lluís Llach», apunta Merchi, e volve a aqueles anos de colexio, nos que «pasabas por aquí diante e sempre escoitabas o violín de Marilú».