Adeus musical a un baixista que deixou o seu pouso en moitos grupos
21 ago 2023 . Actualizado a las 22:39 h.Os Diplomáticos de Monte Alto é unha banda ligada ao extinto Parrús, pero este domingo, cando quixeron render homenaxe ao seu baixista Mangüi (Manuel Martín) —que decidiu irse como avanzado en xaneiro—, optaron por facelo dende o seu barrio e quedaron no Bar A Reserva, na populosa Agra, para baixar ao centro e tomar María Pita coa súa «música de tres pesetas contra o mundo», como se definían nos seus inicios. Mangüi sempre en nós foi o tributo plural aos «50 anos de música e amor» do seu mítico baixista. Por alí pasaron dende Antón Reixa a Bieito Romero, Josito Pereiro, Mercedes Peón, Paco Lodeiro ou Uxía Senlle, acompañados pola Banda Bravú, baixo a dirección musical de Richi Casás.
Alí desvelouse que Mangüi, que tocou con unha chea de formacións, tiña adoración pola música dos Satélites, que Uxía foi a primeira que o contratou, e que a súa canción preferida era a brasileira Quero chorar, non tego bagoas, que a súa irmá Sonsoles, superando a emoción, cantou con paixón no escenario. Bieito Romero, acompañado polo seu fillo, quixo honralo coa Marcha do Antigo Reino de Galicia e tamén con O son do ar, que Mangüi gravara con Luar na Lubre nos comezos do grupo. Josito Pereira, vocalista de Radio Océano, e Antón Reixa, de Os Resentidos, coetáneos nos escenarios, sumáronse cunha aposta de rock e cumbia a súa lembranza. Mercedes Peón, que só tivo palabras de agarimo para o baixista, fíxoo interpretando coa gaita Mareas Vivas, para arrancarse despois con Nordés, a peza que tocou, no seu día, cos Diplomáticos.
Nunha xornada histórica para o fútbol, Os Diplomáticos tomaron o escenario coa súa Oda ó futbolín, dedicada a Alexandre de Fisterra, e deixaron a amigos músicos como Miguelón Ladrón de Guevara ou Nacho López, de O Jarbanzo Negro, o protagonismo de Mesejo, a única peza que compuxo Mangüi. A praza vibrou con Ghaiteiro, un dos temas máis populares dunha banda que sempre reivindicou a revolución obreira que veu das aldeas. «Isto non é unha homenaxe, é unha festa», dixo Xurxo Souto, antes de cantar o Vivir na Coruña e buscar a complicidade da xente co mítico Hei carballeira para rematar o público entoando Esta noite hei de ir aló.